EFEverde en Galego

A Xunta remite aos concellos os criterios comúns sobre os usos permitidos nos terreos de actividade agropecuaria en zonas de Rede Natura 2000

  • A Consellería do Medio Rural lanzou de novo estas instrucións aos municipios destas zonas de protección para deixar claro cales son os usos permitidos nestes territorios

A Xunta remite aos concellos os criterios comúns sobre os usos permitidos nos terreos de actividade agropecuaria en zonas de Rede Natura 2000 Arquivo

A Xunta reforza o seu compromiso pola conservación do medio ambiente e do rural galego remitindo aos distintos concellos os criterios comúns sobre os usos permitidos nos terreos dedicados á actividade agropecuaria (agrícola, gandeira e forestal) en Zonas de Rede Natura 2000.

Co fin de mellorar a transparencia administrativa e a seguridade xurídica dos cidadáns con respecto á protección e xestión dos espazos naturais, as consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ditaron unha serie de instrucións conxuntas co fin de aclarar a normativa de aplicación en canto aos usos permitidos na Rede Natura 2000 de Galicia, en relación cos terreos dedicados á actividade agropecuaria.

De acordo con estas indicacións, considéranse actividades permitidas aquelas de carácter tradicional que son compatibles coa protección do espazo natural porque non causan afección apreciable. Tamén todos aqueles non incluídos nos grupos de actividades prohibidas ou suxeitas a autorización nin recollidos na normativa específica contida no Plan director da Rede Natura 2000. Os usos permitidos non requiren autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo do resto de autorizacións sectoriais.

Usos permitidos

De xeito resumido, a instrución conxunta recolle como usos permitidos a rexeneración e mantemento de terreos dedicados ao uso agrícola ou gandeiro, o aproveitamento das producións agrícolas e gandeiras e a aradura de terreos agrícolas ou gandeiros abandonados hai menos de 10 anos, ou despois de que rematase un procedemento de concentración.

Tamén estarán permitidos os tratamentos silvícolas en masas arboradas de eucaliptos e piñeiros cunha fracción de cabida cuberta superior ao 50% e o mantemento e mellora das infraestruturas preexistentes como pistas, camiños, faixas cortalumes, pasos canadienses, peches gandeiros e cinexéticos, puntos de auga e puntos de vixilancia contra incendios forestais.

Así mesmo, considérase permitido o mantemento das redes de faixas de control da biomasa e o mantemento e mellora de pasteiros preexistentes e as rozas manuais ou mecanizadas nos queirogais secos, sempre que non supoñan a destrución do hábitat.

Con respecto ás reforestacións, constitúen unha actuación permitida se existe planificación, é dicir, cando estean recollidas nos correspondentes proxectos de ordenación, documentos simples de xestión ou documentos compartidos de xestión. En todo caso, respectaranse a prohibicións e autorizacións contempladas sobre o particular na Lei de montes de Galicia.

En termos semellantes, serán usos permitidos a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos en parcelas arboradas de eucalipto e/ou piñeiro (sempre que exista planificación) e a realización doutros aproveitamentos forestais non madeireiros, levados a cabo consonte coa Lei de montes e a súa normativa de desenvolvemento. Inclúense actividades como o aproveitamento de pastos, a caza (sometida a autorización e regulación sectorial específica) e os aproveitamentos micolóxicos ou de plantas aromáticas e froitos, agás cando afecten a especies de interese para a conservación (neste caso requirirán unha autorización).




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies