EFEverde en Galego

Universidade Vigo desenvolve ferramenta que mellora predición mareas vermellas

A Área de Física da Terra do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo deseñou, en colaboración con outras institucións, un modelo de simulación oceánica de alta resolución que dá "un paso máis" na predición das mareas vermellas que afectan ás rías e que ocasionan graves prexuízos económicos.

Así o explica o equipo promotor do proxecto de que forma parte o profesor Carlos Souto, que engade como posibles usos da ferramenta a súa utilización á hora de tomar decisións moi importantes como a construción dun porto, dunha depuradora ou dunha central térmica.

Para iso, introdúcense no sistema os factores que inflúen nas correntes, salinidade e temperatura das augas (mareas, vento, nubosidade, precipitacións…) e o modelo de alta resolución da auga da ría de Vigo devolve como resultado os valores da velocidade da corrente, salinidade e temperatura en cada zona de estudo.

Carlos Souto destacou como vantaxe fronte a outros sistemas a “precisión” que a ferramenta acada mediante a utilización de “catro mallas que multiplican por tres a precisión de cada malla á seguinte, comezando en 4.500 metros para a máis grande que ocupa o norte da fachada atlántica”.

O modelo de simulación oceánica será ademais facilmente exportable a outras rías e zonas da costa.

Para iso, explica o profesor, “sería necesario desenvolver unha nova configuración partindo das mallas do modelo actual e validar os resultados con datos desas rías”.

No proxecto participan as universidades de Vigo e Aveiro en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e ten como obxectivo coñecer como afectará á produtividade da ría viguesa “o debilitamento do anticiclón das Azores como consecuencia do cambio climático e un aumento na chegada de nutrientes”. EFEverde




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com