EFEverde en Galego

Unha ZEPA mariña na Estaca de Bares, o maior corredor migratorio de Europa

Unha ZEPA mariña na Estaca de Bares, o maior corredor migratorio de Europa

Madrid(EFEverde en Galego).- O cabo da Estaca de Bares, o punto máis setentrional da península Ibérica, é tamén o maior corredor migratorio e o mellor lugar para a observación de aves mariñas de Europa, escollido por máis dun millón de exemplares de medio centenar de especies nas súas viaxes invernais.

Alén diso, a IBA (Important Bird Area) Punta Candeeira-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares está a piques de se converter en Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000, como un dos 39 espazos mariños que o Goberno propuxo á Comisión Europea para ser aprobada.

Unha vez aprobados, España situarase á cabeza de Europa na conservación mariña, cun total de 50.000 quilómetros cadrados de protección mar a fóra.

A pesar da dureza do seu clima, esta inminente ZEPA mariña constitúe un espectáculo para os ornitólogos e afeccionados á observación de aves, como explicou á EFEverde o escritor e comunicador ambiental Antonio Sandoval.

Mascatos, pardelas, araos romeiros, carráns, araos papagaios ou palleiras déixanse ver sobrevoando os seus impoñentes cantís nas viaxes desde as áreas de cría até as de invernada, e outras especies, como o corvo mariño cristado ou a pardela cinsenta, prefiren ficar.

Aquí cóntanse, sinalou Antonio Sandoval, até un centenar de parellas reprodutoras do primeiro e unha pequena colonia da segunda, a única coñecida no Atlántico español, sen contar as Canarias.

A zona protexida abarca até 13 quilómetros mar a fóra do cabo da Estaca de Bares; no seu bordo costeiro esténdese de Cabo Ortegal até San Cibrao, o lugar onde se unen as augas do Atlántico e as do mar Cantábrico.

A peculiaridade desta IBA e o seu extraordinario valor como paso migratorio débese, segundo este especialista, ao seu propio perfil. “As aves van baixando fronte á costa de Europa e ao chegar ao golfo de Biscaia penetran bastante cara ao mar Cantábrico e vense obrigadas a pegarse á costa e dobrar o cabo”, explicou.

Para Antonio Sandoval, autor do libro ‘¿Para qué sirven las aves?’, formar parte da Rede Natura 2000 como ZEPA mariña “é moi interesante, xa que ofrece protección no sentido de que se evita a colocación de aeroxeradores no mar e porque pon sobre o mapa o interese desta zona desde o punto de vista ornitolóxico para o estudo e gozo das aves”.

Supón tamén, engadiu este especialista, un valor engadido á pesca artesanal, que nesta zona “realiza un traballo exemplar no sentido de tratamento sustentable dos recursos”, pois “que se declare unha ZEPA, contribúe sempre a ter un selo de calidade”.

As principais poboacións da zona son Ortigueira e Viveiro, onde unha parte importante da poboación se dedica á pesca e ao marisqueo.

“Son moi conscientes -explicou este comunicador ambiental- do paso de aves mariñas, conviviron sempre con elas, e eles son para nós unha fonte de información importantísima”.

Antonio Sandoval chamou a atención sobre as constantes ameazas a que se enfronta este espazo, “cruzamento de camiños de aves e petroleiros”, sobre as que “a historia en Galicia é longa e triste”.

A identificación das áreas mariñas que serán declaradas ZEPA deriva dun intenso traballo científico e de investigación e ten a súa orixe nun proxecto Life+ en que participou o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Ambiente e a ONG SEO/BirdLife, cuxo fin era desenvolver un cadro de referencia para a protección das aves mariñas dentro da Rede Natura 2000 en augas españolas.

No entanto, explicou Antonio Sandoval, que sexa recoñecido como ZEPA é só un paso; “agora hai que conservalo e compete ás administracións establecer as medidas e o apoio á poboación local para evitar calquera ameaza e para servir de modelo ao resto de Europa”. EFEverde en Galego

cyg/mlb/jl




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies