A Universidade da Coruña (UDC) asinou a Declaración Internacional polo Futuro do Ártico promovida por Greenpeace para defender esta zona ameazada polo cambio climático.
O reitor da UDC, Xosé Luis Armesto, rubricou a Declaración que planea Greenpeace co obxectivo de concienciar os axentes implicados na necesidade de protexer o Ártico.
O reitor da UDC, Xosé Luis Armesto, rubricou a Declaración que planea Greenpeace co obxectivo de concienciar os axentes implicados na necesidade de protexer o Ártico.
Co apoio á Declaración de Defensor do Ártico, o reitor manifesta o seu apoio a un ecosistema moi fráxil ameazado polo cambio climático, segundo relatan desde a universidade nun comunicado.
O desxeo e o aumento das temperaturas afectan directamente a catro millóns de persoas que viven na rexión ártica, así como a miles de millóns de persoas máis, xa que, ao derreterse o Ártico, enfróntanse a fenómenos meteorolóxicos devastadores relacionados coas correntes oceánicas máis cálidas.
As cidades costeiras xa están sufrindo as consecuencias da subida do nivel do mar e esta declaración prevé unha serie de medidas como a petición de maiores esforzos para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ou a creación dunha rede de áreas mariñas protexidas e reservas mariñas no océano Ártico.
O que Greenpeace está demandando é que o Ártico sexa declarado Santuario Global, é dicir, un tratado multilateral e legalmente vinculante que priorice a protección do Ártico en augas profundas.
Busca que a zona sexa unha reserva mariña onde a pesca estea limitada, que non se poidan extraer hidrocarburos, que non poida haber actividade mineira nin militar e que a navegación estea restrinxida.
A UDC lembra que a Antártida foi declarada Santuario Global grazas a un movemento social liderado tamén por Greenpeace. EFEverde