Efeverde en Galego

Os traballos sobre a superficie galega queimada comezarán esta semana

Os traballos sobre a superficie galega queimada comezarán esta semana Un gandeiro camiña coas súas vacas en busca de pasto, preto da Freita, Cervantes. EFE/Eliseo Trigo

A conselleira galega de Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a reunión técnica para abordar a situación derivada dos incendios forestais dos últimos días e coordinar as accións para recuperar as zonas afectadas, que darán comezo esta semana.

É o que comunicou Vázquez á súa saída deste encontro, que se prolongou por preto de dúas horas e no que participaron representantes dos distintos departamentos do Goberno galego e mesmo membros da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Traballos

A conselleira indicou tamén que se dará prioridade ás actuacións sobre os incendios “de máis de trescentas hectáreas”, ao redor de 35 repartidos por toda Galicia, e que se terá “moita cautela” cos traballos próximos a zonas de marisqueo “co fin de que non sufran afeccións”.

“Ten que haber unha perfecta coordinación e nada de improvisación”, apuntou, sobre un dispositivo que involucra tamén ás Consellerías de Política Social e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Entre as medidas que se empezarán a executar desde esta mesma semana, a responsable autonómica de Medio Rural incluíu a técnica coñecida como “mulching”, consistente en cubrir con palla os terreos queimados para impedir unha maior erosión, ou a disposición de mallas nas masas de augas próximas aos incendios.

En todo caso, Vázquez insistiu en que este tipo de actuacións teñen que ser coordinadas e ser aconselladas por expertos en cada unha das situacións, xa que non todos os terreos necesitan as mesmas medidas.

Superficies queimadas

A conselleira adiantou tamén que os labores sobre as superficies queimadas “van ser moi prolongadas no tempo”, xa que, a pesar de que se calcula que os traballos de urxencia poden estar listos nun mes e medio, téñense que tomar medidas adicionais a medio e longo prazo.

“En mes e medio non somos capaces de cortar toda a madeira que haxa que cortar” nin de “facer todas as canalizacións das cunetas”, expuxo Vázquez, que subliñou en que o fundamental é “ter o máis urxente realizado” canto antes e de forma efectiva.

Así pois, o Goberno galego dispoñerá tres millóns de euros para este fin, cuxa execución será coordinada pola consellería do Medio Rural asesorada polos técnicos de Lourizán.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, Vázquez non deu cifras totais de terreo queimado porque -dixo- son aínda “moi provisionais” e non quixo entrar a opinar sobre a masiva manifestación que xuntou onte a 10.000 persoas en Santiago de Compostela en protesta contra a xestión da vaga de incendios forestais da Xunta.

A pesar diso, si puntualizou que, “se cunha manifestación conseguísese que non houbese lumes”, sería “a primeira” en ir “diante cunha pancarta”.

Na reunión desta mañá tamén participou o presidente da Fegamp, Alfredo García, quen sinalou que a súa entidade supramunicipal colaborará coa Xunta e elaborará un base de datos de danos causados polos incendios, especialmente no ámbito municipal.

García valorou tamén a intención da Administración autonómica de manter “continuamente informados os alcaldes” e, do mesmo xeito que a conselleira, incidiu na importancia de coordinar os traballos para desenvolver. Efeverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies