O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as normas establecidas nas leis de montes e de prevención de incendios forestais.
Estas normas inclúen a posibilidade de chegar a acometer unha execución forzosa nos supostos de incumprimento en chan rústico dos deberes de xestión da biomasa vexetal e de retirada de especies arbóreas nas redes de franxas secundarias, urbanizacións e edificacións.
Segundo recolle a publicación, a competencia sobre a execución forzosa corresponde aos concellos e a sancionadora á Administración autonómica.
Así, como establece o principio de colaboración e cooperación, os gobernos locais poñerán en coñecemento da correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural todas as comunicacións destes supostos que poderían derivar en expropiacións.
A instrución publicada este luns establece que o propietario terá 15 días -a computar desde o día seguinte á recepción da notificación ou da publicación do requirimento- para cumprir coas limpezas nas franxas de xestión da biomasa, salvo no caso das franxas laterais das vías de comunicación no que o prazo se alonga ata tres meses.
Pasados estes prazos procederase á execución subsidiaria sen necesidade de facer máis trámites e ao comezo o correspondente proceso sancionador, sinala a Xunta nun comunicado.
Ademais, cada xefatura territorial manterá unha contabilización das parcelas en que os custos dos traballos de execución subsidiaria non puideron ser repercutidos ás persoas responsables por descoñecerse a súa identidade e da contía daqueles.
Deste xeito, unha vez que a contía acumulada supere o valor catastral da parcela, poderase iniciar o procedemento para que a administración asuma a propiedade da mesma, sempre que esta sexa de titular descoñecido.
A publicación establece ademais supostos especiais, como o referente a aquelas parcelas declaradas como zonas de actuación prioritaria e urxente, nas que se procederá á execución subsidiaria sen necesidade de notificación previa ás persoas responsables.
Estas indicacións son de aplicación en caso de incumprimento da normativa vixente e, segundo o Goberno autonómico, teñen por obxectivo axilizar estas actuacións correctoras, clarificando o procedemento para seguir e precisando as facultades de que dispón a administración competente en cada suposto.
Así, corresponde aos concellos a competencia de vixiar e impoñer o cumprimento forzoso do deber de xestión da biomasa vexetal e de retirada de árbores. EFEverde