Efeverde en Galego

Tejerina avanza investimento de 125 millóns en Galicia para saneamento

Tejerina avanza investimento de 125 millóns en Galicia para saneamento Isabel García Tejerina xunto a Alberto Núñez Feijóo, esta mañá en Ourense. EFE/Brias Lorenzo

A ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, avanzou hoxe en Ourense un investimento por importe de 125 millóns de euros para executar catro novas actuacións en Galicia en materia de saneamento integral dentro do Plan Crece (Plan para o Crecemento, a Competitividade e a Eficacia) do seu departamento.

Durante unha visita realizada este mércores ás instalacións da nova estación depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ourense, xa en funcionamento, Tejerina anunciou que o seu departamento iniciou os trámites administrativos para poder executar catro novas actuacións de saneamento integral dos ríos galegos, dentro do Plan Crece por montante global de 125 millóns de euros.

Catro novas actuacións

Estas actuacións teñen que ver con obras de saneamento na Coruña, a nova estación depuradora de Santiago de Compostela, o colector en conca baixa, en Santiago, e a segunda fase de mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas (Ourense).

Ademais destas intervencións, adiantou a realización dunha quinta, “non incluída no plan” destinado á mellora da depuradora de Verín e para colectores do barrio de San Roque, en Ourense, actuacións todas elas, que “nos permitirán avanzar” na consecución dun dos obxectivos fundamentais para o Goberno “que é conseguir que nos ríos circule auga da mellor calidade”, abundou.

Neste sentido, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presente neste acto, agradeceu o anuncio realizado pola ministra relacionado con estas novas actuacións.

Para o titular do Executivo galego trátase de obras “importantísimas” para as cidades da Coruña, Ourense, Santiago, Verín e San Cibrao das Viñas, e que se suman á posta en funcionamento da EDAR de Ourense.

Tras asegurar que a depuradora ourensá pecha a depuración da cidade “para as próximas décadas”, garantiu que o Goberno galego seguirá traballando para mellorar o saneamento na Comunidade.

Neste sentido, destacou o convenio que asinará a Xunta co concello ourensán por importe de 600.000 euros para levar o saneamento ás zonas rurais da cidade.

Tamén enxalzou a próxima posta en marcha da “obra máis importante da comunidade autónoma e da fachada atlántica”, a depuradora de Vigo, que permitirá conseguir “o saneamento completo das rías de Galicia” por 242 millóns e que o Ministerio entregará “nos próximos meses” ao concello.

Entre os proxectos pendentes, citou as depuradoras de Pontevedra e Santiago de Compostela, compromiso -este último- hoxe ratificado pola ministra. Efeverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com