Ribadeo alega que non se poden reducir visitas ás Catedrais

EFEverde en Galego

Ribadeo alega que non se poden reducir “drasticamente” visitas ás Catedrais

Ribadeo alega que non se poden reducir EFEverde

O Concello de Ribadeo presentou alegacións ao plan de conservación da praia das Catedrais proposto pola Xunta de Galicia, nas que o Goberno local pide "medidas alternativas" para non "restrinxir de forma drástica" o fluxo de visitantes que recibe durante todo o ano este monumento natural.

Nunhas declaracións aos informadores, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, afirmou que as alegacións presentadas polo Concello foron redactadas desde “a boa fe” e o “espírito de colaboración” que debe reinar entre as administracións públicas.

De feito, o propio rexedor local recoñeceu que a actual situación “de masificación” non pode continuar, polos riscos que comporta para a conservación da contorna natural da que foi escollida como unha das mellores praias de España e de Europa.

Porén, tamén avisa de que non se debe “cortar de forma drástica todo ese fenómeno”, porque estamos “ante un recurso turístico” de primeira magnitude que foi profusamente promovido polas institucións en múltiples campañas publicitarias.

Por iso, aínda que o plan inicial da Xunta de Galicia propuña limitar o número de visitantes diario ao areal, o Concello propón “conciliar conservación e preservación do patrimonio natural” con accións “apropiadas” que permitan “atender” correctamente todas as persoas que visitan ese lugar.

Segundo o rexedor local, o reto está en non cortar ese fluxo de visitantes “de raíz”, senón en adoptar medidas que permitan conciliar ambos os aspectos.

O documento que contén as alegacións formuladas polo Concello de Ribadeo, do día 10 de outubro, está composto por 16 páxinas en que se inclúen dous anexos, un sobre a importancia xeomorfolóxica da costa entre As Catedrais e a illa Pancha e outro sobre o patrimonio arqueolóxico da zona, que “reforzaría os valores da contorna natural”. EFEverde




Secciones:        
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com