Os galegos reciclaron máis de 320.000 quilos de residuos de medicinas

EFEverde en Galego

Os galegos reciclaron máis de 320.000 quilos de residuos de medicinas en 2018

EFE/Marta Pérez

Os galegos depositaron máis de 320.000 quilos de residuos de medicamentos ao longo de 2018 para a súa reciclaxe grazas á rede de máis de 1.300 puntos Sigre situados nas farmacias, o que supón un 14 % máis que un ano antes, cando se recolleron máis de 283.000 quilos.

Este incremento supera en case 1,5 puntos á media nacional, que se sitúa nun 12,48 % máis que no ano 2017, informa a Consellería de Medio Ambiente nun comunicado.

Residuos de medicinas

A titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na rolda de prensa para informar dos resultados ambientais da reciclaxe de envases e residuos de medicamentos, acompañada polo presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña ( COFC), Héctor Castro, e do director xeral de Sigre, Juan Carlos Manpaso.

Segundo explicou, a Xunta traballa nun novo marco normativo para mellorar a xestión e evitar a produción de residuos, como é a nova Lei de residuos e chans contaminados, a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía e a Estratexia Galega de Economía Circular.

A conselleira referiuse á actitude tremendamente responsable do sector, xa que grazas á colaboración cos distintos axentes, ningunha entidade local ten que intervir na recollida e xestión dos residuos de medicamentos e dos seus envases, pois son os profesionais que comercializan os medicamentos os que se ocupan de xestionalos despois como residuos especiais.

Tamén agradeceu a colaboración dos cidadáns, que ven no sistema Sigre, presente en Galicia desde hai máis de 18 anos, un sistema seguro para o tratamento destes residuos mediante a súa recollida, transporte, clasificación e tratamento por un xestor autorizado.

Sigre, entidade sen ánimo de lucro que trata de garantir o correcto tratamento ambiental dos residuos de envases e os restos de medicamentos, sinalou que o 95 % dos galegos cre que non usar o punto Sigre prexudica o medioambiente e que tirar medicinas contamina auga e ecosistema.

Ademais, detalla nun comunicado que o 98 % dos cidadáns considera que a localización máis idónea dos Puntos SIGRE é a oficina de farmacia; e un 85 % dos usuarios habituais da farmacia utiliza estes puntos para reciclar correctamente estes residuos. EFEverde

 

 




Secciones:        
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com