EFEVERDE EN GALEGO

Recollen sinaturas en Sarria a favor e en contra da condución do río

Lugo (EFEverde).- A Plataforma Sarriana polo Río iniciou hai días unha campaña de recollida de sinaturas para expresar a súa oposición ao proxecto para canalizar o río Sarria ao seu paso polo núcleo urbano da localidade, mais agora, segundo ese colectivo, o Goberno local está facendo o mesmo para conseguir apoios a favor da execución das obras.

Nunhas declaracións á EFEVERDE, un dos portavoces da plataforma, Roberto Irimia, afirmou que tras a campaña de recollida de sinaturas para apoiar a execución do proxecto de condución “está o Goberno local”, que preside o popular José Antonio García, aínda que “agora din que son veciños e voluntarios” os que a están levando a cabo.

Segundo Irimia, o Goberno local está “utilizando mesmo os pedáneos” para recoller sinaturas “porta por porta”, a diferenza do que fai a plataforma, que só “explica os motivos polos que se opón ao actual proxecto para canalizar o río e é a xente a que asina de forma voluntaria”.

“No caso de que recollan menos sinaturas que nós e se demostre que a súa opción ten menos forza, pararían o plan de condución”, manifestou Irimia.

Na súa opinión, esa forma de actuar por parte do Goberno local “parece un chiste”, polo que espera que “o tempo poña cada un no seu sitio”.

Membros da plataforma reuniranse mañá co Goberno local para intentaren conciliar posturas, aínda que a priori, Irimia opina que “nese encontro non vai pasar nada”, porque non é máis que “un teatro”.

De momento, a plataforma mantén a convocatoria para esta noite dunha cazarolada no Paseo do Malecón e os seus membros continúan acampados na illa natural que forma o río Sarria ao seu paso pola localidade. EFEverde en Galego

1011162

jrr/am




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies