EFEverde en Galego

Unha protectora de animais, entre os premios Camiño de Santiago 2018

animales Asociación Protectora Animais do Camiño (APACA)

A Xunta comunicou hoxe a resolución dos premios Camiño de Santiago, que nesta ocasión premian, entre outros, o labor da Asociación Protectora Animais do Camiño (APACA), a primeira vez que unha entidade destas características recibe un galardón similar.

Con estes premios, o Goberno galego trata de premiar a traxectoria e compromiso da sociedade e as institucións coa ruta xacobea e, no caso de APACA, quere valorar as súas accións de concienciación e asesoramento no relativo aos animais e o Camiño de Santiago.

Esta asociación comparte premio con outras entidades como o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, de quen se distingue o seu “creativo” traballo de divulgación e promoción do Camiño Inglés; ou como o concello do Grove (Pontevedra), polos seus labores de embelecemento e posta en valor dun tramo da ruta xacobea pola ría de Arousa, o único marítimo de todos os existentes.

Tamén serán galardoados na gala que terá lugar a comezos do mes de abril no Museo de Peregrinacións da capital galega a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago en Padrón e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, en activo desde 2009.

Por último, o Grupo Compostela formado polas universidades públicas galegas será premiado polo seu cuarto de século de estudos acerca da ruta xacobea, e tamén se recoñece o labor da escola de educación infantil de Carracedo. EFEverde




Secciones:        
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com