EFEverde en Galego

A Xunta dará luz verde en breve ao plan de protección da lagoa de Valdoviño

  • O espazo conta coa protección de seis figuras ambientais diferentes.

A Xunta dará luz verde en breve ao plan de protección da lagoa de Valdoviño Lagoa Frouxeira de Valdoviño (A Coruña). EFE/Kiko Delgado

EFEverde.-  A Xunta aprobará "nos próximos días" o plan de conservación para A Frouxeira, un singular exemplo de lagoa costeira e sistema dunar xunto ao mar no municipio coruñés de Valdoviño.

Anticipouno a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a súa visita ao lago da Frouxeira, coincidindo coa celebración do Día Mundial das Zonas Húmidas, acompañada polo alcalde, José Antonio Vigo, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado.

O espazo conta coa protección de seis figuras ambientais diferentes: Rede Natura, LIC Costa Ártabra, ZEPVN, ZEPA, zona húmida protexida e Ramsar, que amplía a súa importancia no ámbito internacional.

A do Valdoviño é unha das cinco zonas húmidas galegas protexidas pola convención internacional Ramsar, ademais de atesourar hábitats naturais considerados relevantes, un sistema dunar “moi ben conservado”, que se estira entre o lago e a praia, e numerosas especies protexidas de flora e fauna.

O plan específico para A Frouxeira será, destaca a Consellaría, o “primeiro de conservación para unha zona húmida protexida que se aproba na Comunidade galega” e suporá unha “ferramenta de planificación axeitada aos seus recursos naturais que recolla as normas de uso e aproveitamento”.

Un dos aspectos que prevé é a fixación dun protocolo de actuación para evacuar o exceso de auga que acumula a lagoa nos meses chuviosos e que chega a anegar o paseo marítimo e bloquear os accesos a persoas e automóbiles.

A apertura dunha canle de desaugue entre a zona húmida e o mar xa supuxo un problema ambiental no pasado, xa que unhas obras autorizadas por Medio Rural en 2009 sobre a area da praia abriron unha gabia excesivamente ancha por que se precipitou a auga ata deixar practicamente seco un espazo seis veces protexido pola súa valía natural.

A Xunta comprometeuse entón ante o Parlamento a redactar un plan especial para protexer a lagoa, que tardou varios anos en callar e agora enfila a recta final.

Unha canle natural de desaugue

O plan, detalla Medio Ambiente, establece un protocolo de actuación para evitar “a ruptura violenta da barreira natural” mediante a apertura dunha canle natural de desaugue que “minimiza o risco de afección neste espazo”.

A mediados de novembro do 2014, a Xunta xa tivo que recorrer ás máquinas para abrir un camiño para aliviar o exceso de presión do lago, que xa ameazaba con desbordarse como ocorreu nos invernos anteriores, moi especialmente en 2011 e 2012, desatando as protestas dos veciños, que non podían acceder ás súas vivendas porque a pista de asfalto que corre parella ao paseo marítimo estaba inundada.

En Galicia contabilízanse un milleiro de zonas húmidas recollidas no inventario de zonas húmidas de Galicia, ademais doutras cinco especialmente protexidas pola convención Ramsar, que suman 8.000 hectáreas e son as da Frouxeira, Corrubedo, Umia-O Grove, a ría de Ribadeo e a de Ortigueira-Ladrido. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies