A Plataforma Sarriana polo Río presentou unha denuncia ante a Comisión Europea contra o Ministerio de Ambiente, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, as consellerías de Medio Ambiente e de Cultura, Augas de Galicia e o Concello de Sarria por “incumprimentos” do Dereito Comunitario detectados no proxecto e nas obras de condución do río ao seu paso pola localidade.
O portavoz da plataforma, Roberto Irimia, explicou nunhas declaracións á Efe que a denuncia está motiva pola “afección das obras proxectadas e a súa execución en hábitat prioritario de interese comunitario”.
Detallou que as obras de condución, executadas pola Confederación Hidrográfica, afectan ao bosque de ribeira que bordea o río e ao desenvolvemento de especies de interese comunitario nunha paisaxe considerada “de enorme significación histórica e cultural”.
Advertiu, alén diso, de que a Resolución sobre a avaliación ambiental do proxecto ignora “completamente” a existencia do Camiño de Santiago.
Irimia mencionou tamén o “incumprimento da normativa sobre xestión de residuos, con varios episodios de verteduras ao río, o último onte mesmo, todos documentados en vídeos e fotografías”.
Finalmente, lembrou que o proxecto de condución do río Sarria está financiado en 80 por cento por fondos Feder, “financiamento que podería verse comprometido polos incumprimentos do Dereito Comunitario denunciados ante a Comisión Europea”.
Nesta mañá catro membros da Consellería do Medio Rural desprazáronse a Sarria para “comprobar as verteduras que se produciron onte por causa de inxectar formigón”, informou o portavoz. EFEverde