A Plataforma Sarriana polo Río, o colectivo que se opón ao proxecto de condución do río Sarria ao seu paso por esa localidade lucense, denunciou que “a pesar da paralización xudicial da corta acordada o 25 de marzo”, os “operarios que levan a cabo esta obra eliminaron” unha “árbore” nas inmediacións da coñecida como Ponte do Toleiro.
Segundo informou este colectivo nun comunicado, “posteriormente, levaron a árbore nun camión e ocultaron o lugar que ocupaba con terra e pedras”.
Por iso, esta “mesma mañá”, os membros de plataforma formularon “a correspondente denuncia ante a Garda Civil por un presunto delito de quebrantamento de medida preventiva”.
Para apoiar esta denuncia, a plataforma presentou fotografías, que “reflicten o lugar, tanto antes coma despois da eliminación da árbore”.
“A Plataforma Sarriana polo Río móstrase asombrada e indignada polo absoluto desprezo pola legalidade vixente que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil veu mostrando en todo este asunto do proxecto de condución, que agora chega ao extremo de incumprir a medida preventiva acordada polo Xulgado con respecto á paralización da corta das árbores”, indica o colectivo nun comunicado.
De feito, engade que parece evidente que a Confederación Hidrográfica segue disposta a ignorar e a desprezar non só a lei, senón tamén as resolucións xudiciais. EFEverde en Galego