EFEverde en Galego

Pesca revisará a sentenza que anula a orde do plan de xestión do Cantábrico

  • Considerou que, finalmente, podería recorrerse.

Pesca revisará a sentenza que anula a orde do plan de xestión do Cantábrico Reunión con representantes da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia. EFE

EFEverde.- O secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, afirmou en Santiago de Compostela que o seu departamento revisará a recente sentenza que anulou o plan de xestión do Cantábrico.

Preguntado polos informadores tras unha reunión coa asociación galega do cerco, canda a conselleira de Mar, Rosa Quintana, Hermida explicou que recibiu o pasado venres a devandita sentenza, da sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional, que facía referencia a un defecto de forma, por non emitir un informe o Consello de Estado.

Lembrou que a administración dispón de dez días para presentar un recurso de casación, polo que, agora, o seu departamento procederá a revisar a sentenza, aínda que adiantou que Pesca cre que non se trata dun regulamento executivo, “como di a sentenza”, senón que “é un regulamento de desenvolvemento da propia Lei de pesca”.

Nese sentido, subliñou que a Lei “establece a posibilidade, e recomenda incluso, a posibilidade de establecer repartos por segmentos de frota, por modalidades, e cremos -sinalou- que non todas as disposicións normativas que fai a Administración teñen que pasar polo Consello de Estado”.

Andrés Hermida concluíu: “Nós, cando preparamos calquera plan, os nosos xuristas, os nosos avogados do Estado, revísano concienciudamente e o que imos facer é revisar a sentenza e supoño que presentaremos o recurso correspondente”. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com