EFEverde en Galego

Parlamento Europeo admite denuncia contra a política de residuos da Xunta

  • A presidenta da Comisión apunta que, ademais, deu traslado da petición á Comisión Europea, para que abra unha investigación sobre a situación do tratamento de residuos en Galicia.

Parlamento Europeo admite denuncia contra a política de residuos da Xunta Residuos de plástico e envases. EFE

EFEverde.- A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a trámite unha denuncia ecoloxista contra a política de residuos da Xunta-Sogama.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) informou da comunicación recibida neste sentido pola presidenta da Comisión, Cecilia Wikström.

Os ecoloxistas lembran nun comunicado que, tras o rexeitamento do PP a debater no Parlamento de Galicia unha iniciativa popular contra a incineración, “a práctica totalidade do ecoloxismo galego” acudiu a Europa para denunciar a política da Xunta a través da Sogama.

Na súa comunicación aos promotores da iniciativa, a presidenta da Comisión apunta que, ademais, deu traslado da petición á Comisión Europea, para que abra unha investigación sobre a situación do tratamento de residuos en Galicia.

Para Adega, “a incineración e a vertedura que practica Sogama, coa beizón da Xunta e do seu plan de residuos, ademais de incumprir tres directivas europeas (de vertedura, de envases e marco de residuos), coloca Galicia nos últimos postos na reciclaxe en Europa e está supondo unha enorme lousa económica para moitos municipios”. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com