traballadores sospeitan que Urbaser quere que "o conflito continúe aberto"

EFEverde en Galego

Os traballadores sospeitan que Urbaser quere que “o conflito continúe aberto”

Os traballadores sospeitan que Urbaser quere que A folga do servizo de limpeza e recollida do lixo en Lugo. EFE

O secretario do comité de empresa de Urbaser, Julio Pacio, acha que, "por intereses que aos traballadores se lles escapan", a empresa procura que o conflito laboral que derivou na folga do servizo de limpeza e recollida do lixo en Lugo "continúe aberto", co que demostra que lle "importan moi poucos" os seus "empregados e os veciños".

Nunhas declaracións á EFE, Julio Pacio subliñou que esa intención da empresa ficou claramente demostrada onte, despois de que as negociacións entre ambas as partes quedasen “definitivamente suspendidas”, segundo informou a propia concesionaria, despois dunha reunión que durou máis de sete horas, convocada polo mediador do Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo o portavoz do comité de empresa, “a parte social” aceptou a “proposta que puxo sobre a mesa o mediador para desbloquear o conflito”, porque mesmo foi aprobada pola propia asemblea de traballadores, a pesar de que “difería moito” das demandas formuladas inicialmente polos empregados de Urbaser en Lugo.

Desde o inicio deste conflito laboral, insistiu, o cadro de persoal foi “mudando as súas posturas”, sempre coa esperanza de “chegar a un acordo” que permitise sacar adiante o convenio colectivo e pór fin a unha folga que dura xa un mes e dous días.

Porén, a pesar de aceptar esa proposta que o mediador puxo sobre a mesa para solucionar o conflito, “foi a empresa a que volveu bloquear a negociación”, ao se negar a “falar de despedimentos e de sancións”, dúas condicións que a parte social considera ineludibles para pechar calquera acordo.

Once traballadores foron despedidos pola empresa desde o inicio desta folga e outros sesenta e seis foron amoestados con sancións económicas, polo que os sindicatos entenden que non pode haber ningún acordo se a empresa non retira esas medidas disciplinarias.

Por iso, Julio Pacio insistiu en que “a quen interesa este conflito é á propia empresa. Ela saberá por que”.

De feito, subliñou que Urbaser “está levando o conflito como ela quere, inclusive mediaticamente”, mais os traballadores están dispostos a “continuar coa folga “, porque “cen por cento do cadro de persoal está unido” e disposta “a loitar por un convenio digno”.

Os sindicatos convocaron para este mediodía unha nova manifestación que partirá da casa sindical, obrigará a cortar o tránsito na Rolda da Muralla e terminará perante o concello. EFEverde




Secciones:        
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com