EFEverde en Galego

Contraminacción denuncia explotación mineira con danos “terroríficos”

Santiago de Compostela, (EFEverde en Galego).- A rede de colectivos contra a minaría destrutiva Contraminacción denunciou a pretensión de Cementos Cosmos SA de legalizar a mina a ceo aberto de pedra calcaria que leva explotando "de forma ilegal" en Triacastela nas últimas catro décadas, o que suporía danos ambientais "terroríficos".

A asociación informou nun comunicado de que presentara alegacións ante a nova petición de licenza municipal que pretende a empresa.

Considera que se trata dun procedemento “escandaloso, pois, ademais das trampas e procura de fisuras na lexislación para legalizar unha auténtica barbaridade, do punto de vista administrativo a prepotencia da empresa é tal que nin sequera garda as formas, con omisión de documentación, falsidade na que se presenta e tantas irregularidades que a simple admisión a trámite demostra o servilismo e colaboracionismo da Administración coas mafias mineiras”.

Agrega que, para alén destas irregularidades na forma, “o fondo aínda é máis vergonzoso”, pois poderíanse “borrar do mapa” varias aldeas,

incluídas ducias de vivendas, con expropiacións forzosas sobre elas e un centenar de explotacións agrícolas familiares.

Ademais, segundo Contraminacción, “destruiríase fisicamente un río e toda a súa bacía fluvial de prados de regadío”, no que a empresa

-lembra- xa conta con licenza para tomar auga e producir verteduras e tamén se destruirían seis camiños de dominio público, que obrigaría os usuarios a percorrer 12 quilómetros para salvar unha distancia de menos de dous quilómetros.

Os autores das alegacións resaltan no seu escrito que a canteira se sitúa sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, onde alén doutros importantes achados, apareceron as primeiras pinturas rupestres galegas, até un total de 94, e na área hai outras tres covas que non foron estudadas e que serían “totalmente destruídas”.

Por iso, finalmente anuncian que, se non se “anula inmediatamente”

este procedemento no Concello de Triacastela, iniciarán “todas as accións xurídicas” que consideraren oportunas. EFE.

jl

 




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies