O Consello de Ministros autorizou este mércores a execución de obras de emerxencia na demarcación hidrográfica Miño-Sil que supoñen o investimento de 1,5 millóns de euros.
Segundo informou hoxe o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nunha nota, trátase de seis obras que se desenvolven nas cuncas dos ríos Miño, Limia, Sil e os seus afluentes.
O obxectivo é “a reparación dos danos ocasionados polos temporais rexistrados entre decembro de 2013 e febreiro de 2014” e os traballos execútanse nas provincias de Ourense, León, Pontevedra e Lugo.
Tal e como explicou o Ministerio, con estas actuacións chegarase á “reposición ao seu estado orixinal das zonas situadas no dominio público hidráulico que resultaron danadas, a mellora da capacidade de desaugue dos ríos e a reparación dos danos provocados por desbordamentos”.
Entre o 15 de decembro de 2013 e o 15 de febreiro de 2014 rexistráronse 25 temporais de vento e chuvias no noroeste de España.
Segundo o Ministerio, os devanditos temporais “afectaron de forma especialmente importante ao territorio da demarcación hidrográfica do Miño-Sil, provocando importantes enchentes en todos os ríos desta cunca que causaron cuantiosos danos”. EFEverde