Rede Natura 2000

Medio Ambiente destina 4 millóns de euros á posta en marcha do primeiro Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia

  • A conselleira de Medio Ambiente presentou esta mañá esta iniciativa que identifica 16 espazos imán, cos que se pretende atraer visitantes a paraxes que se atopan na mesma área de influencia

Medio Ambiente destina 4 millóns de euros á posta en marcha do primeiro Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia Xunta

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará 4 millóns de euros á posta en marcha do primeiro Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou esta mañá que ao longo dos vindeiros catro anos se levarán a cabo un total de 29 actuacións específicas divididas en tres grupos, que representan os eixes deste plan.

Explicou que o primeiro é a posta en valor do patrimonio natural de Galicia, para o que se articulará unha nova oferta de actividades, recursos e melloras en torno aos espazos, atendendo sempre a súa conservación, sustentabilidade, o seu valor paisaxístico e a biodiversidade.

O segundo dos eixes centrarase na promoción e comunicación do patrimonio, a través dos medios de comunicación, da presenza en feiras ou da elaboración de novos paquetes turísticos. Tamén se contará cun importante esforzo para reforzar a presenza do patrimonio natural nas novas tecnoloxías. Por último, o terceiro dos eixes, será a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia, co que se apostará pola difusión e investigación científica, dende un punto de vista didáctico.

Mato Otero sinalou que o plan identifica un total de 16 espazos imán, enclaves que “non só se caracterizan polo seu alto valor patrimonial, senón tamén por ser os espazos naturais máis coñecidos e recoñecidos” polos galegos e polas persoas que visitan Galicia. Entre os mesmos, destaca o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os seis parques naturais (Fragas do Eume, Complexo Dunar de Corrubedo e as Lagoas de Vixán e Carregal, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra), o Monumento Natural da Praia das Catedrais, dous espazos da Rede Natura (Carnota-Monte Pindo e a Ribeira Sacra e Canóns do Sil) e as seis reservas da biosfera (os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a Área de Allariz, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, as Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês).
A idea é aproveitar o recoñecemento e popularidade destes espazos para convertelos en elementos de atracción de visitantes cara outros enclaves, creando sinerxías entre os diferentes espazos. A conselleira aclarou que, unha vez identificados os espazos imán, trazáronse dous radios: un de 30 e outro de 50 quilómetros para delimitar as áreas de influencia de cada un deles; co que se cubre a gran maioría do territorio de Galicia.

Outra das novidades será o Pasaporte Natural, un documento co que se invita aos visitantes de cada espazo a coñecer os outros parques naturais de Galicia e selar en cada un deles a páxina correspondente ata cubrir integramente o Pasaporte.

Presenza nas redes

O plan recolle a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques en Galicia, que se desenvolveu en colaboración coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega). Trátase dunha plataforma web necesaria para ofrecer, ás persoas que queren visitar os parques, toda a información para gozar e sacar o máximo proveito da súa visita.
Incluirá información práctica sobre como chegar, as visitas e rutas que poden realizar unha vez que estean nos parques, ou os servizos cos que alí se van atopar; en definitiva, facilita o acceso á información e valoriza estes espazos e a súa contorna.

Tamén se realizou unha renovación da aplicación para dispositivos móbiles e que agora contén información máis actualizada e accesible, tanto dos valores dos parques como os recursos que se atopan nos mesmos, e establece enlaces cos servizos de información de concellos e mancomunidades da súa área de influencia.

Esta aplicación tamén se ampliará para incluír na mesma o conxunto de espazos protexidos da Comunidade, ao tempo que se fomentará a presenza nas redes sociais do patrimonio natural e o uso desta canle como ferramenta de promoción e valorización.

Paquetes turísticos

Outra actuación de carácter transversal –en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Amtega- e que demostra a aposta pola promoción do patrimonio natural é un proxecto- piloto de paquetes turísticos para os espazos imán.

O proxecto- piloto, que se presentará en Fitur, correspóndese cun paquete turístico para gozar ao máximo das oportunidades que ofrece o Parque Natural da Baixa Limia e Xurés, con seis experiencias para gozar do parque e da súa contorna, como o turismo de natureza, coa paisaxe granítica única, os seus ríos, pozas e fervenzas, e a diversidade de flora e fauna; o Patrimonio Arqueolóxico, coas mámoas da Serra Leboreiro; os importantes vestixios romanos de Aquis Querquennis; ou a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande; o Camiño da Vía Nova, que segue o percorrido da estrada romana que unía Braga e Astorga e que hoxe está reconvertida nunha ruta pertencente ao programa estatal Camiños Naturais; e as seis rutas de bicicleta de montaña, con 133 quilómetros sinalizados; ou as once rutas de sendeirismo que percorren os lugares máis significativos deste territorio; e, por último, a oferta termal do Balneario de Lobios.

Trátase dun proxecto que aposta por un turismo de natureza sustentable e de calidade para o osos espazos protexidos, que sexa capaz de mesturar a protección e conservación dos espazos co seu aproveitamento e goce.
Todas as iniciativas estarán amparadas nunha nova imaxe de marca para o patrimonio natural de Galicia, que englobe a todos os espazos protexidos. Na actualidade estase a ultimar o seu deseño e creación, polo que nas próximas semanas estará lista, e permitirá unha sinxela identificación e diferenciación dos espazos con maiores valores naturais da Comunidade.

Por último, a conselleira destacou que este tipo iniciativas camiñan a prol da sustentabilidade, xa que o coñecemento e valorización de calquera espazo constitúen inmellorables ferramentas para a súa protección e conservación, é dicir, “aquilo que o conxunto da sociedade coñece, valora e aprecia sempre é moito máis fácil de coidar e preservar”, argumentou a conselleira de Medio Ambiente.




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies