EFEverde en Galego

Marcos García: “Aquí a carreira investigadora non se recoñece a ningún nivel”

  • Asegura este investigador galego nunha entrevista con EFE.

Marcos García: Fotografía de Marcos García. EFE/Javier Lizón

O investigador e químico da Universidade da Coruña (UDC) Marcos García cre que en Galicia, e tamén en España, a carreira investigadora "non está recoñecida a ningún nivel" porque se propón un modelo "moi conservador" que "non está baseado no coñecemento".

“Aquí o que se nos di é que hai que investigar sobre cuestións relacionadas co mar, ou co sector mexilloeiro, porque son piares industriais de Galicia que tampouco son moi sólidos, e hai poucas posibilidades de desenvolver outros temas de interese internacional”, asegura este investigador galego nunha entrevista con Efe.

Marcos García (Boiro, A Coruña, 1975) forma parte do grupo de investigación de Química Molecular e Materiais (QuiMolMat) do Departamento de Química Fundamental da Facultade de Ciencias da UDC, que acaba de protagonizar a portada da revista científica Crystal Growth & Design cun traballo sobre materiais cristalinos e a súa ensamblaxe intermolecular.

Na súa opinión, as investigacións tan centradas no “que interesa ao país talvez non son o máis axeitado para unha economía globalizada”.

“Promóvese desde as institucións unha investigación máis localista, con ataduras, conformista, que está ben -explica- porque a sociedade vive diso, pero ao mellor poderiamos dicirlle á sociedade que podería vivir doutra cousa”.

O departamento de Marcos García, investigador principal neste traballo, faino sobre química supramolecular de cavitandos, síntese de heterociclos condensados potencialmente bioactivos e illamento, elucidación da estrutura e síntese de produtos naturais, principalmente de orixe mariña, entre outros temas.

Neste caso, o mérito da publicación xurdiu da colaboración de tres grupos, dous da UDC que se fusionaron e un terceiro da Universidade de Valencia, con campos de traballo diferenciados, que o grupo coruñés centrou no estudo da autoensamblaxe supramolecular, a forma en que se xuntan as moléculas para formar agregados máis complexos, como o ADN.

Entender este funcionamento ten moito interese, non só a nivel académico senón para o posterior desenvolvemento de novos materiais, e neste caso un dos descubrimentos foi que estes compostos tiñan unha propiedade e é que eran fluorescentes en estado sólido, o que deu pé a estudar a utilidade da preparación de novos materiais destinados á optoelectrónica.

Unha pantalla táctil pregable é un exemplo desta aplicación.

Doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela cunha tese sobre o desenvolvemento de fármacos antivíricos, un posdoutoramento en Inglaterra sobre o desenvolvemento de compostos anticanceríxenos e membro do programa Parga Pondal, Marcos García traballa na UDC coa “expectativa de facer cousas importantes para a sociedade”.

“Síntome moi orgulloso dese traballo en que hai un labor moito máis xordo, de moitos anos publicando, pero neste caso non había financiamento”, sostén sobre a investigación publicada en Crystal Growth & Design, a segunda acerca de como as moléculas se agregan en estado sólido para despois modular as súas propiedades.

Este recoñecemento científico serve para impulsar o seu traballo académico pero tamén “che dá a oportunidade de que poida ser financiado polas institucións”.

“Habería que tratar mellor os investigadores”, sostén Marcos García, quen explica que hai “moi pouca cantidade de xente que acabe a carreira e despois siga no mundo da investigación”; é difícil, continúa, encontrar a “xente disposta” para iso.

Este químico galego cre que “non fixemos os deberes”.

Establecer directrices claras de como é a carreira investigadora é un dos puntos que hai que ter en conta para impulsala, con financiamento para traballar en proxectos e “que non se vexa cortado todo iso” con doutores que teñan que ir para o estranxeiro e que “aos corenta haxa que buscar un traballo doutra cousa”. EFEverde




Secciones:        

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies