Efeverde.- A empresa Erimsa acaba de recibir en Bruxelas un “certificado á excelencia das súas prácticas ambientais polo proxecto de recuperación” que levou a cabo “nunha zona de lagoas de alto valor ecolóxico” no municipio lucense de Begonte, onde a compañía explota unha concesión para a extracción de cuarzo.
Segundo informou a propia empresa, Erimsa quedou finalista nos Premios Europeos de Desenvolvemento Sustentable, que convoca a Unión Europea de Produtores de Áridos, un certame no que competiron 41 proxectos internacionais.
Trátase dun certame que ten “por obxectivo demostrar á sociedade que a industria europea de áridos é compatible cos principios de desenvolvemento sustentable e está comprometida coa contorna no que opera”, de modo que o xurado está composto por profesionais independentes de Austria, Finlandia, Francia, Lituania e Italia.
Recuperación dunha lagoa
Erimsa xa recibira o primeiro Premio de Medio Ambiente da Federación de Áridos en 2015, concretamente na categoría de boas prácticas ambientais, por leste mesmo proxecto, que permitiu “a creación dunha nova contorna lagunar e a formación de novas zonas de bosque de ribeira”, no lugar no que estaba a explotación de cuarzo ‘Villalba I’.
Trátase dunha zona “declarada inicialmente como Lugar de Interese Comunitario”, que recentemente incrementou a súa “protección á máis elevada en Rede Natura: Zona de Especial Conservación, baixo a denominación ZEC Ladra-Támoga-Parga”. Efeverde