EFEverde en Galego

“Kaliña”, a vaca frisoa galega que máis leite produce: 71 quilos ao día

O chamado "ouro branco" do pequeno Concello de Alfoz (Lugo) é Barbeiro Jocko Besne Kala,-"Kaliña" para os seus coñecidos e sentinelas-, unha vaca frisoa que recibiu o diploma de honra como a maior e mellor produtora de leite en Galicia durante o curso de 2013, máis de 71 quilos diarios de media.

A canción infantil “Tengo una vaca lechera, no es una vaca cualquiera” é a que mellor ilustra a historia deste diamante en bruto pertencente á gandaría Casa Barbeiro de Lagoa, unha diminuta aldea da Mariña luguesa.

Juan José Fraga Paz, a quen chaman Juanjo, é un dos tres propietarios do animal, coa súa irmá (Rosana) e a súa nai (Josefina Paz), tamén donas da maior explotación vacúa do val, con 210 cabezas de gando, 110 de produción e un centenar de cría.

Todo no caso dun destes exemplares, “Kaliña”, parece ser obra, maxia e mérito da tan loada xenética. De nai galega, Adela, e pai francés, Jocko Besne, esta vaca parece cumprir todas as expectativas.

O semental Jocko Besne, estrela da raza Holstein, comunmente coñecida como frisoa, é o seu proxenitor. Durante os seus oito anos de vida (faleceu no día 7 de marzo do ano 2012) Jocko converteuse na gloria desta raza, ao producir máis de 1,7 millóns de doses de seme que foron exportadas a unha trintena de países e das que descenderon unhas 400.000 crías femias.

Jocko foi un dos cinco touros cuxas características fixeron posible a constitución desta raza vacina procedente da rexión frisio-saxoa, que destaca pola súa alta produción de leite, carne e a súa boa adaptabilidade.

“Kaliña”, expoñente de feminidade, vigor e fortaleza, fai este próximo 12 de setembro nove anos, durante os que produciu un total de 75.448 quilos de leite.

Un gran tamaño e estatura, e máis de 600 quilos, cunha harmoniosa unión, son particularidades e propiedades que ademais certifican a calidade do produto, que ten 4,19% de gordura e 3,08% de proteína, valores que avalan e garanten este pedigree.

Ollos grandes e brillantes, orellas alerta, pel fina, pelo suave e unha ubre de gran volume. Así é “Kala”, que pasea e convive na corte en igualdade de condicións coas outras 209 cabezas de gando que pastorean libremente polas máis de 81 hectáreas de superficie que conforman a explotación.

“As vacas aliméntanse todas por igual, e isto permite sacar todo o potencial a través da boa alimentación e o bo manexo. Será o que lle permitiu expresar para fóra todo ese potencial!” di con ironía Juanjo Fraga á Efe.

O certo é que “Kaliña” come o mesmo que as súas compañeiras, “non ten ningún coidado especial”, reitera. Aliméntase dunha mestura húmida denominada “Cavi”, Centro de Alimentación Vacún de Irmandiños, preparada expresamente por esta cooperativa.

Estas características son elementos visibles que non fan máis que constatar as cifras desta “súper vaca” ao máis puro estilo dos típicos “súper heroes” dos debuxos animados, como “Batman” ou “Spiderman”.

No ano pasado, en 305 días, que é como se mide a produción no caso do seu gremio, “Kaliña” sumou un total de 21.660 quilos de leite, 960 quilos máis que a segunda clasificada, outro exemplar da provincia de Lugo, onde o sector agrario parece rexistrar os maiores índices de produtividade e calidade.

Son datos constatados e homologados pola Africor, unha das catro asociacións provinciais de control leiteiro de Galicia que constitúen a Federación Frisoa Galega, que controlan e examinan a produción de cada res a través dun sistema de muxidura informatizada de cada animal.

Metade galega e metade francesa, “Kala” está xa na sexta lactación, e ten xa dúas fillas e dúas netas que parecen seguir os seus pasos, aínda que as vacas son “animais moi sensibles” que ven alterada a súa produción por pequenos feitos e detalles, detalla o dono.

Juanjo, de 37 anos, leva desde o ano 2008 facéndose cargo do negocio familiar, despois de estudar Enxeñaría Agrícola. Recoñece o momento difícil que atravesa o sector ao se tratar dun mercado “flutuante” onde non existe unha boa regulación e para o que as expectativas non son moi esperanzadoras.

“Non dá moito ánimo para continuar, a pesar de que producir é algo necesario e imprescindible”, manifesta.

Ao ser preguntando acerca das políticas agropecuarias (PAC) e pola última campaña sen cota, considera que non se debería procurar unha subvención para solucionar os graves problemas do sector, senón que habería que volvelo “forte” e darlle o sitio “merecido” no mercado.

A pesar de que no último mes o prezo de litro de leite se paga entre tres e catro céntimos e medio máis barato e de que as perspectivas non sexan precisamente esperanzadoras ou optimistas, Fraga Paz confía en que as novas medidas axuden o sector inxectándolle un chisco de confianza.

“Kala”, animal dócil onde os houber, é agora un dos bens máis prezados desta granxa de Alfoz (Lugo) que obtivo dúas distincións máis, mención honorífica na sección de produción novel, para Barbeiro Xacobeo Perica, e outra pola súa produción vitalicia para Barbeiro Wind Sultán Tana, dous galardóns que acreditan e aumentan o valor desta explotación.

Facilmente recoñecible polas manchas da súa pel, a leiteira “Kaliña” dobra a media de produción diaria, e triplica a anual, que ascende a 7.500 quilos. EFEverde (Patricia Pernas)




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies