Efeverde en Galego

A Xunta adaptará os efectivos despregados por incendios ás necesidades

A Xunta adaptará os efectivos despregados por incendios ás necesidades Fotografía de arquivo dun incendio forestal na localidade coruñesa de Ézaro. EFE

O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG), órgano mixto entre Xunta e Estado para a loita contra o lume, mantivo hoxe unha reunión con motivo da véspera do comezo da actividade do dispositivo deste ano, o cal -en palabras da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez- pode aumentar o número de efectivos en función das necesidades en calquera momento.

Dispositivo contra incendios

Vázquez explicou que, a pesar de que o operativo inicial parte con máis de 7.000 efectivos, 360 motobombas e un bo número de medios aéreos, estes poden incrementarse ata en “cincuenta brigadas máis das que actualmente” se deron a coñecer se se dan condicións de “moito risco”.

“Cremos que así –co dispositivo inicial– temos perfectamente cuberto o territorio”, abundou a conselleira, que explicou que existen convenios de colaboración con varias Administracións para axilizar a mobilización de recursos.

Na súa intervención, a responsable de Medio Rural do Executivo autonómico tamén abordou a actualización do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia (Pladiga), que este ano se caracteriza por unha maior presenza de medios tecnolóxicos, para a geolocalización “de todo o persoal e todo o operativo”, de modo que poidan mellorarse as súas condicións loxísticas e de seguridade.

“A loita é a de sempre. Erradicar na medida do posible os incendios”, sentenciou Vázquez, que para iso insistiu en “pedir a colaboración” de todos os axentes sociais e “lembrar as obrigacións” de cada un deles en materia de prevención para combater este “problema de todos”.

Así pois, emprazou a particulares, propietarios, concellos, deputacións, Xunta e Estado a colaborar e a esforzarse para “ser capaces de previr” a propagación dos incendios.

“Tempada máis crítica de incendios”

En representación do Goberno galego tamén estivo presente na reunión do CIPIG o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que definiu o encontro como a “constatación formal” de que “todo está disposto” para facer fronte á “tempada máis crítica de incendios”.

Aos obxectivos enumerados polo Pladiga, que se basean en reducir ao máximo posible o número de incendios forestais e o calado das súas consecuencias, Rueda sumou un terceiro, que é “conseguir a máxima eficacia policial na investigación, detención e posta a disposición da xustiza dos incendiarios”, algo que cre que cada vez funciona mellor.

En representación do Estado, acudiron á reunión do CIPIG tanto o subsecretario do Ministerio de Interior, Luís Aguilera; como o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.

Durante o seu discurso, Aguilera considerou que o CIPIG é “un exemplo modélico de colaboración e complementariedade na loita contra os incendios forestais” e que, aínda que a maioría de competencias neste tema sexan autonómicas, o Estado debe actuar reforzando todos os dispositivos.

O subsecretario de Interior advertiu ademais de que, tras un inverno “especialmente seco” e unha primavera “máis seca do normal” en Galicia, as previsións para o verán son que “as temperaturas medias sexan lixeiramente superiores” e escaseza de precipitacións, polo que haberá que estar “especialmente vixiantes” e “ter todos os medios dispostos”.

Neste sentido, sinalou que a esta altura xa houbo sete incendios de relevancia en España polos dous do ano pasado, ademais do “desgraciadísimo caso” de Pedrógão Grande, en Portugal, onde faleceron máis de 60 persoas a causa do lume.

Aguilera enumerou tamén os recursos que o Estado achega ao dispositivo contra incendios en Galicia, que inclúen varios avións e mesmo drons para o seguimento, a través de infravermellos, dos lumes durante a noite.

Finalmente, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, afirmou que “se vai a prestar toda a atención por parte da Policía” á persecución dos incendiarios e apuntou que se incrementa tamén “a presenza no medio de cabalería”, da que en anos anteriores había catro escuadras. Efeverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com