No que vai de ano un total de 66 persoas son investigadas pola Policía Autonómica por delitos relacionados con incendios nos montes galegos, informou hoxe a Xunta.
Axentes da Policía Autonómica de Santiago en colaboración con axentes forestais informaron hoxe o esclarecemento dun incendio forestal no concello coruñés de Ames.
En colaboración con axentes do Distrito Forestal número III-Santiago Meseta Interior, a Policía Autonómica procedeu á investigación dun home como presunto autor dun incendio ocorrido o pasado 17 de xullo na parroquia de Agrón, en Ames (A Coruña).
Unha vez realizadas as investigacións necesarias, comprobouse que o incendio foi provocado accidentalmente por unha faísca do tubo de escape dun tractor cheo de pacas. O lume afectou a 1,52 hectáreas de superficie arborizada.
Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Santiago de Compostela.
Na actual campaña antiincendios forestais de 2017, un total de 66 persoas foron detidas e/ou investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais. Efeverde