Solicitan apoio Parlamento para recoñecer a figura do migrante climático

EFEverde en Galego

Solicitan apoio ao Parlamento Galego para recoñecer a figura do migrante climático

Solicitan apoio ao Parlamento Galego para recoñecer a figura do migrante climático Captura web da asociación Acampa

O movemento Acampa pola paz e o dereito ao Refuxio presentou este martes no rexistro do Parlamento de Galicia unha solicitude de reunión con todos os grupos para solicitar o seu apoio ao recoñecemento da figura xurídica do migrante climático.

O obxectivo é, segundo informa esta entidade nun comunicado, crear un status internacional de migrante climático, que supoñería a consideración de refuxiado, nas súas correspondentes leis de migración e asilo, a aquel que se vexa obrigado a abandonar o seu hábitat polo cambio climático ou os perigos ambientais que este xera.

“Nin a Convención de Xenebra nin o Estatuto Internacional do Refuxiado contempla a existencia da figura de migrante por causa climática”, abunda Acampa, que cita datos da ONU para soster que no próximos trinta anos, entre 250 e 1.000 millóns de persoas terán que buscar refuxio por razóns ambientais.

As temperaturas cada vez máis extremas, a desertización ou a subida do nivel do mar deixan sen áreas de cultivo nin de pastoreo, e mesmo sen terra que habitar, a pobos enteiros en distintas partes da terra, o que está a provocar un dano irreparable no modo de vida de millóns de persoas.

A pesar diso, esta categoría de desprazado non está recoñecida por ningún goberno nin institución, salienta a rede Acampa, creada na Coruña no ano 2016 como iniciativa cidadá sen fins de lucro integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito ao Refuxio. EFEverde

 




Secciones:            
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com