EFEverde en Galego

Feijóo inaugura a mostra de 75 anos do CSIC en Galicia desde a súa creación

  • Núñez Feijóo incidiu tamén na importancia da produción científica nunha sociedade moderna e ao servizo do benestar dos cidadáns.

Feijóo inaugura a mostra de 75 anos do CSIC en Galicia desde a súa creación Inauguración da exposición "CSIC: 75 anos investigando ao servizo da sociedade". EFE/Lavandeira jr

EFEverde.- Os presidentes da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Emilio Lora-Tamayo, inauguraron hoxe en Santiago de Compostela a exposición conmemorativa dos 75 anos do maior organismo público de investigación en España.

Na súa intervención, Núñez Feijóo anunciou a aprobación no vindeiro consello da Xunta do programa Oportunius, cun investimento até 2020 de 4 millóns de euros, que permitirá a contratación de 24 investigadores galegos de proxección e recoñecemento internacional.

O xefe do Executivo autonómico resaltou que esta iniciativa triplicará o número de grandes investigadores que Galicia conseguirá atraer ou reter con relación ao período 2007-2013.

Aposta pola investigación

Ambos os presidentes referíronse á importancia da aposta pola investigación, máxime en situación de dificultades e un contexto problemático, como sinalou Lora-Tamayo, que fixo un repaso á historia e vinculación do CSIC e a súa “aposta” por Galicia, en cuxo idioma concluíu a súa intervención.

Por súa vez, Núñez Feijóo incidiu tamén na importancia da produción científica nunha sociedade moderna e ao servizo do benestar dos cidadáns.

De “ben común” cualificou o xefe do Goberno autonómico o coñecemento científico, un dos motores para o avance dos países e “chave” do crecemento sustentable que será, non só en España, senón no conxunto de Europa.

O presidente galego resaltou a colaboración entre ambas as institucións e a importancia que o coñecemento ten para sectores estratéxicos da economía galega, como a conserva, a metalurxia, o agro ou as comunicacións.

Tamén se referiu aos traballos científicos desenvolvidos en ámbitos como o mar ou produtos como a castaña, da que Galicia produce a metade de España e cuxa produtividade por hectárea é superior á vide, tendo en conta os seus baixos custos, e a estreita colaboración do CSIC e Xunta no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

75 anos do CSIC

Finalmente, lembrou que os 75 anos do CSIC son o dobre dos que ten a propia Xunta e concluíu que o centro científico foi determinante para esta comunidade, “con e sen autogoberno” e augurou que o continuará a ser, en beneficio da economía e o benestar dos galegos.

O CSIC é o terceiro centro investigador público europeo e o sétimo do mundo, con 123 institutos de investigación e un cadro de persoal dunhas 12.000 persoas.

Neste centro participa 6 por cento dos investigadores españois e, aínda que xera máis do 20 por cento da produción científica española, presenta 50 por cento das patentes do sector público.

Cinco centros investigadores

En Galicia está presente desde o momento da súa creación e na actualidade conta con cinco centros investigadores: A Misión Biolóxica de Galicia (MBG, 1921); o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (IEGPS, 1943); o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, 1952); o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG, 1953) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit, 2010).

Ademais, con delegación institucional na Comunidade desde 1985, conta nesta autonomía coa Sede Atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (2004), que presta apoio técnico a campañas científicas e realiza o mantemento dos navíos Mytilus e Sarmiento de Gamboa.

Tamén participa, xunto coa Xunta de Galicia, no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga, 1993) e colabora coas universidades galegas, como no Campus do Mar, de Vigo; e o Campus Vida, de Santiago de Compostela.

De forma paralela á exposición inaugurada hoxe polos presidentes de Galicia e do CSIC, o centro organizou unha serie de conferencias que comezan co relatorio do propio Emilio Lora-Tamayo sobre “Micro e nanotecnoloxías para a almacenaxe de información”.

En días sucesivos, até o mércores, día 19, participarán especialistas como Enrique Macpherson Mayol, do Centro de Estudos Avanzados de Blanes; e Miguel Ferrer Baena, da Estación Biolóxica de Doñana.

Tamén ofrecerán conferencias Serafín González Prieto, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, que falará sobre “Os incendios forestais. A Marea negra nos montes de Galicia”; Antonio de Ron Pedreira, da Misión Biolóxica de Galicia, sobre “A agricultura galega e os seus retos científicos”; e Ángel Guerra Sierra, do Instituto de Investigacións Mariñas, que disertará sobre “A ecoloxía mariña: as luras xigantes”. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies