EFEverde en Galego

Feijóo anuncia rebaixas na tarifa eléctrica a persoas con baixos ingresos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os departamentos de Servizos Sociais e de Economía traballan na entrada en funcionamento dun tíquet enerxético para rebaixar a tarifa eléctrica a persoas con salarios inferiores ao IPREM e con cargas familiares.

Núñez Feijóo anunciou, ademais, durante a sesión de control no Parlamento de Galicia, que no próximo mes de maio a Xunta porá en funcionamento un programa para inserir laboralmente os que cobran a Renda de Integración Social (Risga).

Este plan estará financiado con 3 millóns de euros e a previsión é que máis de quiñentas persoas encontren un emprego.

Os portavoces dos tres grupos principais da oposición -PSdeG, AGE e BNG- cargaron contra as políticas do PP na Xunta que, segundo coincidiron en criticar, provocan pobreza, e preguntaron ao presidente galego que vai facer para pór remedio a esta situación.

José Luis Méndez Romeu (PSdeG) asegurou que cos gobernos de Núñez Feijóo as persoas son “máis pobres e desiguais” e volveron a Galicia “as pantasmas máis negras, de desemprego e pobreza”.

O resumo dos seus cinco anos de goberno, espetoulle, é que “asoma o rostro da pobreza; nin modernización nin innovación”.

Nuñez Feijóo replicou que os catro primeiros anos xa están xulgados polas urnas e que en 2016 se volverá votar.

Alén diso, asegurou que co seu goberno non houbo rescate, cumpriuse o déficit público, hai un mellor balance económico e mantivéronse e blindáronse os servizos públicos, polo que contrapuxo estes “feitos” con “inventos” do PSdeG.

A viceportavoz da AGE no Parlamento, Yolanda Díaz, sinalou na súa intervención que segundo datos da EPA só unha de cada tres persoas desempregadas en Galicia cobra algún tipo de prestación, e o resto nada.

Díaz insistiu nos datos sobre pobreza de Cáritas debatidos durante a pasada sesión de control e tamén nos ofrecidos pola EPA e retou a Núñez Feijóo a pronunciar a palabra pobreza.

Tamén acusou o presidente galego de contar “unha gran mentira” con respecto ao aumento da Risga e citou as recentes críticas do Valedor, sobre o atraso na percepción desta axuda.

Ademais, reprochou ao presidente galego que estea acabando co servizo público de emprego e que reducise as políticas activas.

Nuñez Feijóo asegurou que o informe do Valedor acredita que 66% das queixas son sobre Povisa, cirurxía pediátrica en Ourense e unha ruta escolar nun municipio desa provincia.

Por tanto, dixo, “ese panorama catastrófico que vostede di non está recollido” no informe do Valedor que, si que recolle, dixo, que hai máis dotación da Risga, que na dependencia hai un cambio a máis servizos, o que significa máis emprego e menos libranzas.

Afirmou que Díaz suprimiu as axudas a Cáritas durante a súa etapa como concelleiro en Ferrol polo que lle pediu que “por vergonza” non volva falar desta asociación que fai un importante labor social.

Alén diso, pediu a Díaz que “actualice” os datos da EPA do ano pasado “coa que vai saír” e defendeu que “non hai unha política social sen ingresos detrás, sen unha mínima política económica”, tras o que cuestionou o programa de Anova e de IU para as eleccións europeas do vindeiro maio.

Durante a sesión, o presidente fixo un relato das políticas “frívolas” de socialistas e nacionalistas en Galicia, así como da política do PSOE, “apoiada” en casos polo BNG en Madrid, para xustificar “a estafa eléctrica”.

Francisco Jorquera, portavoz do BNG, ironizou sobre os supostos logros de Núñez Feijóo no Goberno e pediulle que teña coidado, porque se callar aos grupos ultracatólicos non lles vai parecer ben que compita con Xesús Cristo na multiplicación dos pans e os peixes.

Jorquera reprochou ao titular da Xunta que a pobreza enerxética sexa un punto superior á media española, segundo o estudo divulgado recentemente pola Asociación de Ciencias Ambientais, e lembrou que hai máis de 445.000 galegos con estas dificultades.

Atribuíu a situación do sector eléctrico a unha lei aprobada en época de José María Aznar e criticou que Feijóo non aposte por unha tarifa eléctrica galega, cando é un país excedentario en produción de enerxía eléctrica.

Ademais de anunciar un tíquet eléctrico para as persoas con máis dificultades, o titular da Xunta lembrou a aposta por un plan de biomasa para substituír até mil caldeiras, nunha primeira fase, e afirmou que volverá propor a reunión da comisión bilateral co Goberno, porque non está de acordo coa lei eléctrica proposta polo Executivo central. EFEverde.




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies