EFEverde en Galego

A oposición achaca ao PPdeG a falta de saneamento da ría de Arousa

  • O deputado do PPdeG Santiago Freire propuxo unha emenda que especificase como obxectivo “continuar traballando” porque “todos temos esa responsabilidade”.

A oposición achaca ao PPdeG a falta de saneamento da ría de Arousa Fotografía de arquivo da ría de Arousa. EFE/Lavandeira jr

EFEverde.- Os partidos da oposición responsabilizaron o PPdeG da falta de saneamento da ría de Arousa e outros lugares galegos, despois de que esa formación indicase que tamén son corresponsables o anterior goberno bipartito, os municipios e os habitantes do litoral.

Na súa intervención ante unha comisión do Parlamento de Galicia que debatía unha iniciativa do PSdeG na que se reclamaba o “saneamento integral” da ría de Arousa este ano, o deputado do PPdeG Santiago Freire propuxo unha emenda que especificase como obxectivo “continuar traballando” porque “todos temos esa responsabilidade”.

Freire agregou no seu discurso que, ademais do actual Goberno da Xunta, tamén son “responsables” da contaminación das rías galegas os anteriores gobernos, incluído o da coalición bipartita PSdeG-BNG, “os municipios e ata os veciños”.

Por iso, o PPdeG, que dispón de maioría no Parlamento autonómico, rexeitou a iniciativa alegando que “non se trata de desacreditar ou desprestixiar o traballo” efectuado ata agora.

Engadiu que no primeiro semestre de 2016 deberían concluír as obras de construción da depuradora de augas residuais de Ribeira, que contribuirá a aliviar a situación, e apuntou que a Xunta investiu “máis de mil millóns de euros en obras de saneamento en toda Galicia nos últimos seis anos”.

A autora da iniciativa, a deputada do PSdeG Patricia Vilán, cualificou de, “como pouco, moi hipócrita” a pretensión do PPdeG de reafirmar o seu compromiso de “continuar traballando”.

“Os únicos responsables de condenar a todas aquelas persoas que viven do sector marisqueiro e o propio ecosistema da ría de Arousa son vostedes”, espetoulles Vilán aos deputados do PPdeG, e subliñou que esa forza leva “seis anos” gobernando en Galicia e estivo anteriormente “durante vinte e un anos” no poder.

Situación das rías galegas

Engadiu que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea podería sancionar novamente a España pola situación das rías galegas, e apuntou que un informe do Goberno establece a “falta de bo tratamento das augas residuais” que na ría de Arousa é “tremendamente preocupante”.

Así mesmo, advertiu de que investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas e da Universidade de Vigo alertaron da contaminación nos sedimentos desa ría de cobre, arsénico e chumbo.

A deputada apuntou que un “parasito foráneo” levou á morte da ameixa e afectou ao berberecho e o mexillón, o que supón un grave prexuízo para os mariscadores desa ría que periodicamente xa teñen que paralizar o seu labor polas toxinas da denominada “marea vermella”, ademais de constatar as “bacterias e virus nocivos” ou o exceso de algas que asfixian eses bivalvos.

Igual de crítica foi a deputada do BNG Ana Pontón quen dixo estar “pasmada” ante o feito de que “o PP, que leva tantos anos con responsabilidade de goberno”, chegue ao Parlamento a dicir que se as rías están contaminadas “a culpa é de todos”.

Pontón observou que os responsables políticos do PP non só “incumpriron a normativa” europea, senón que ademais preferiron “investir en paseos marítimos e non nos problemas de fondo” das rías galegas.

Engadiu que cando os deputados do BNG ou da oposición “alertábanos” desa situación, “a eles o único que lles interesaba era facerse a foto” inaugurando outro tipo de infraestruturas, polo que agora “hai un problema ambiental gravísimo”.

A deputada do BNG subliñou que “a Xunta cobra o canon de saneamento” e criticou que a pretensión de que son responsables os municipios ou os habitantes desas zonas supón “arriar en banda, que é o único que saber facer moi ben o Goberno da Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo”.

Para o deputado de AGE Juan Manuel Fajardo a pretensión do PPdeG constitúe “un insulto á intelixencia” e acusou a Xunta de ser “responsable da morte produtiva da ría de Arousa”, que a cualificou como “a ría máis produtiva do mundo”. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies