A Consellería de Cultura convidou a celebrar o Día do Ambiente no Museo Centro Gaiás con ‘Rebufaplanetes’, un espectáculo de Pep Bou co que descubrir a beleza que se agocha nas pompas de xabón.
Será no día 7 de xuño ás 20.30 horas cando o artista catalán Pep Bou inunde o Museo Centro Gaiás “dunha linguaxe propia, espectacularidade visual e orixinalidade”, informou hoxe a Xunta nun comunicado.
Este espectáculo encádrase na celebración do Día do Ambiente na Cidade da Cultura que procura concienciar sobre a importancia da auga e os perigos a que está sometida.
Xunto ao espectáculo de Pep Bou, o Museo Centro Gaiás acollerá unha xornada de portas abertas para descubrir a beleza da auga a través da ollada de grandes artistas e varios obradoiros ambientais cos que os visitantes poderán transformar unha botella de plástico nun floreiro ou calcular a súa pegada ecolóxica. EFEverde