Especialista afirma saúde ambiental en Galicia é "aceptable"

EFEverde en Galego

Especialista afirma que a saúde ambiental en Galicia é “aceptable”

Especialista afirma que a saúde ambiental en Galicia é EFE

O director do V Congreso Galego de Ambiente e Saúde, inaugurado hoxe en Lugo, o profesor Francisco Peña, considera que a saúde ambiental en Galicia "é aceptable", aínda que bota de menos "un maior nivel de compromiso", tanto por parte da Administración como dos axentes sociais.

O director xeral da UNESCO durante doce anos (1987 a 1999) e presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, foi o encargado de inaugurar (por videoconferencia) o citado congreso, que se desenvolverá en Lugo entre os días 13 e 16 de outubro.

O profesor Francisco Peña explicou aos medios de comunicación, antes do acto inaugural, que “despois de tres décadas” de dedicación a este ámbito da ciencia, “a saúde ambiental” en Galicia “é aceptable”.

Non obstante, recoñeceu que “é necesario un maior nivel de compromiso por parte da propia administración” e de “todos os axentes sociais”, para “dedicar máis recursos”, porque “polo medio natural non hai que traballar só no día 5 de xuño -Día Mundial do Medio Natural-“, senón “cada día, todos, e ombro con ombro”.

“O medio natural non ten ideoloxías políticas. A auga que bebemos, o aire que respiramos, os alimentos que inxerimos, a paisaxe que divisamos e o solo no que residimos, todas esas cousas, non teñen ideoloxía política. Por tanto, hai que estar por riba de intereses e ideoloxías políticas”, engadiu.

Nese sentido, precisou que “os gobernos poden mudar, mais se se fan as cousas con criterios profesionais e con rigor, camíñase sempre para adiante”.

“Non podemos depender de que eses cambios de goberno modifiquen as políticas e as condutas”, dixo Francisco Peña, porque sempre é necesario “impulsar a formación, a investigación e a educación ambiental”, porque son “os piares chave e as pezas fundamentais dunha política ambiental eficaz de carácter preventivo”.

“Este congreso vai tratar aquelas problemáticas de maior actualidade e interese na sociedade actual”, precisou o profesor Peña, aspectos como “a calidade do aire, a alteración climática, o modelo enerxético sustentable, a xestión das augas e dos residuos, o emprendemento empresarial ou a xestión dos recursos naturais”.

Para iso, precisou, o congreso conta cun “panel de especialistas de primeiro nivel, porque van estar aquí primeiras espadas nacionais en cada un deses sectores”.

De feito, cualificou como “un privilexio” contar na inauguración “cunha mensaxe da OMS, desde Xenebra, por parte da doutora María Neira e cunha conferencia maxistral de Federico Mayor Zaragoza, que é un referente mundial”.

No referente á participación, subliñou que “o poder de convocatoria” do congreso “foi fantástico”, porque o número congresistas supera as duascentas persoas.

Paralelamente á realización deste congreso, desenvolverase o LIV Curso de Saúde Ambiental, xa que ambos os proxectos forman parte do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2014.

Nos últimos anos, polas aulas deste curso pasaron uns 1.400 profesionais e estudantes, o que o converteu nun referente , subliñan os seus promotores. EFEverde




Secciones:        
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com