EFEverde en Galego

Endesa di que auga do lago é excelente para o consumo, o baño e a fauna

Endesa di que auga do lago é excelente para o consumo, o baño e a fauna

A calidade da auga do lago artificial das Pontes, unha extensa lámina de auga azul que cobre o antigo oco da mina de lignito de Endesa, é "excelente", apta para o consumo, axeitada para o baño e tamén como hábitat natural para as aves e a fauna acuática que o poboa.

Así o afirma a compañía eléctrica nun comunicado en que destaca que tras distintos controis, e só dous anos despois de concluír -en 2012- a fase de enchido que arrincou en 2008, as augas do lago obtiveron “a mellor cualificación para o consumo humano, o baño e a vida animal”.

“Tres normas distintas evidencian a excelente calidade do líquido”, destaca a empresa, que alude aos tres decretos que controlan a calidade da auga.

Cun simple filtrado e desinfección, a auga do lago sería potable para o consumo, indican, para precisar que dos tres niveis de pre-potabilización, as augas do lago obtiveron A1, o que menos esforzo require.

A boa cualificación obtida evidencia, en opinión da eléctrica, “o éxito alcanzado na rehabilitación ambiental do espazo mineiro”, cunha extensión de 865 hectáreas e cotas de profundidade que superan os 200 metros nalgúns puntos.

Ademais de cubrir con auga, fundamentalmente do río Eume, a antiga explotación a ceo aberto, Endesa converteu a entulleira nun verxel de 1.200 hectáreas con máis de 600.000 árbores e 180 especies de vertebrados salvaxes.

O lago, por outra banda, demostrou xa a súa capacidade para ser refuxio de aves de paso de acordo con distintos estudos científicos que vaticinan o seu potencial como “gran centro de recepción de aves migratorias”.

Un dos extremos do lago, o que está máis próximo ao núcleo urbano, alberga unha praia artificial de 430 metros de longo con toneladas de area de canteira lavada e con temperaturas na auga que acadan os 24 graos en época estival, á sombra da central térmica de Endesa.

Tamén aquí a lámina de auga ten a calidade necesaria para cumprir cos requisitos de salubridade que marca o Real decreto 1341/2007. En concreto, destaca Endesa, recibiron a cualificación de “excelente” para o baño.

Por último, a lagoa artificial, unha das máis grandes de Europa, tamén respecta e cumpre cos parámetros para o desenvolvemento da flora e a fauna (RD 927/1988) que resultan “idóneas”, di a eléctrica, xa que conseguen a categoría de “augas salmonícolas”, é dicir, as mellores para os peixes. EFEverde




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com