EFEverde en Galego

Empregados de Urbaser irrompen na Deputación por vulneración da folga

  • Non houbo incidentes de gravidade

Empregados de Urbaser irrompen na Deputación por vulneración da folga

Os traballadores do cadro de persoal de Urbaser en Lugo manifestáronse nesta mañá ante a sede da Deputación Provincial, e mesmo chegaron a irromper no Pazo de San Marcos, ao consideraren que a institución provincial non fixo o suficiente para evitar que a concesionaria do servizo de recollida do lixo vulnerase o seu dereito á folga.

Aínda que non houbo incidentes de gravidade, ao persoal de seguridade da propia deputación provincial sumáronse tres efectivos do Corpo Nacional de Policía para previr posibles altercados, o que non impediu que os manifestantes berrasen dentro do edificio consignas como “Besteiro, escoita, Urbaser está en loita”, mentres o presidente da institución ofrecía unha rolda de prensa no salón de actos.

O secretario do comité de empresa, Julio Pacio, denunciou que a concesionaria volveu vulnerar o dereito de folga dos seus traballadores ao utilizar de novo camións de carga lateral para retirar lixo das rúas da cidade de Lugo, con axuda de persoal “externo”, que foi escoltado en todo o momento pola Policía Local.

No referente ao motivo que levou os traballadores a protestaren en San Marcos, Pacio explicou que “o presidente da Deputación permitiu dalgunha maneira, a pesar de estar avisado”, que os camións da recollida do lixo de municipios como Pol, Portomarín ou A Pastoriza, subvencionados no seu momento pola institución provincial, fosen utilizados nas rúas de Lugo para “vulnerar o dereito a folga”.

“É unha vergonza que se permita desde a Deputación Provincial que se vulnere o dereito de folga duns traballadores, traendo camións da provincia e quitando ademais ese traballo a outros municipios, como Pol, como Portomarín, como A Pastoriza ou como Ribas do Sil”, insistiu.

Porén, perante as preguntas dos xornalistas, Gómez Besteiro afirmou que “ningún vehículo da Deputación está posto ao servizo” da concesionaria da recollida do lixo en Lugo.

“Terán que falar con eses concellos, porque a Deputación non puxo ningún tipo de medio nesa situación e, por tanto, non debe responder por outros”, concluíu.

No referente á marcha das negociacións coa empresa, Julio Pacio afirmou que “non está pechada”, mais, “hoxe en día, non hai ningunha outra reunión con data”.

“Esperemos que a haxa e volveremos á negociación, mais temos que dicir que, unha vez máis, nos sentimos enganados pola parte empresarial e polo Concello”, lamentou.

De feito, afirmou que os traballadores fixeron “onte moitos movementos” para tentaren chegar a un acordo, mais non serviron de nada, porque “a empresa puxo un muro branco por diante e non mudou de cor nin para o beis”.

“Nove horas despois, a diferenza continua a ser a mesma. Non se fala dos despedimentos, non se fala das sancións”, explicou Julio Pacio, e a empresa só parece disposta a falar dunha “proposta económica”. EFEverde




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com