Drons para poñer coto ao lixo nas praias

EFEverde en Galego

Drons para poñer coto ao lixo nas praias

Drons para poñer coto ao lixo nas praias Fotografía de arquivo dun dron. EFE

Jorge Morales.- EFEverde.-  A loita contra o lixo nas praias conta cuns novos aliados, os drons, que axudarán a axilizar as tarefas de cuantificación e clasificación de residuos, labor que na actualidade se executa mediante métodos tradicionais, para saber con exactitude a dimensión do problema.

Esta é a filosofía coa que naceu o proxecto ‘LitterDrone’, financiado pola Comisión Europea e que foi desenvolto por un consorcio que integran a Universidade de Vigo, a Asociación Española de Lixos Mariños e a empresa Grafinta SA.

O seu obxectivo é patentar un sistema piloto para a caracterización do lixo mariño nas costas de Europa coa axuda de drons equipados con cámaras de alta resolución.

As imaxes obtidas son procesadas a través dun software especializado de recoñecemento de imaxe que permite unha rápida caracterización do lixo mariño achado nas mostraxes.

O director do proxecto, Fernando Martín, profesor da Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, explica a Efe que toda esta información pode ser de utilidade para que os organismos pertinentes deseñen e implementen medidas de prevención e mitigación contra o lixo mariño.

Na actualidade as labores de mostraxe realízanse a pé de praia nun total de 26 areais españois catro veces ao ano, en cada unha das estacións.

Uso de drons nas praias

O uso de drons, apunta o director do proxecto, permitiría estudar praias remotas ou de difícil acceso, sobre todo no inverno, e aumentar a frecuencia das campañas de recollida de residuos.

A utilidade destas mostraxes, apunta Martín, está en que permiten determinar “qué -tipo de lixo- se atopa, onde e en qué épocas do ano”, e diferenciar entre aquela que xeran os bañistas, os procedentes de colectores da rede de saneamento ou os aparellos de pesca ou acuicultura que o mar leva ata a area.

O equipo de ‘LitterDrone’ elixiu as praias da Lanzada e de Rodas, nas illas Cíes, como banco de probas.

A pesares de ser praias, sobre todo a segunda, situada nun Parque Nacional, o das Illas Atlánticas, nas que os usuarios son “bastante responsables”, o lixo chega tamén aos seus areais, principalmente o que arrastra o mar: tapóns e botellas, restos de aparellos de pesca e pezas que se desprenden das bateas.

Labores de limpeza

Daí a necesidade das institucións de establecer prioridades á hora de acometer labores de limpeza nas praias, recalca o director de ‘LitterDrone’, que se presentará en Madrid o próximo decembro antes de enviar a Bruxelas o informe final do proxecto.

A idea dos seus creadores é, nunha segunda fase, explorar novas vías de implementación desta tecnoloxía, como a detección de lixo flotante en mar aberto, no medio submarino ou na exploración de fondos oceánicos. EFEverde




Secciones: