EFEverde en Galego

Estudan pedir recoñecemento ao dereito de asilo por cambio climático

Estudan pedir recoñecemento ao dereito de asilo por cambio climático Captura web da asociación Acampa

A asociación Acampa estuda a posibilidade de presentar unha iniciativa lexislativa popular para que se recoñeza o dereito de asilo por cambio climático.

Esta é unha das propostas que esta mañá presentaron os responsables de Acampa que por segundo ano, do 14 ao 16 de xuño, acollerá un centro de persoas refuxiadas no centro da cidade para escenificar o drama que viven millóns de refuxiados en todo o mundo.

Nesta segunda edición Acampa quere poñer “o foco mediático e o debate cidadán” nas persoas que ven obrigadas a desprazarse a causa do cambio climático.

Dereito ao refuxio por cambio climático

Tal e como explicou en rolda de prensa, o coordinador de Acampa, Xosé Abad, segundo os informes da ONU e outras organizacións internacionais, as previsións para os próximos 30 anos é que entre 250 e 1.000 millóns de persoas estarán obrigadas a desprazarse e buscar refuxio a causa do cambio climático.

“Co agravante de que o dereito ao refuxio por cambio climático non está recoñecido por ningún goberno nin por ningunha institución”, subliñou Abad.

O coordinador desta iniciativa a favor da paz e o dereito ao refuxio lembrou que “os dereitos non se regalan, conquístanse e deféndense e ese o espírito que guía Acampa”.

Con esta nova edición, a rede de ONG que forman parte de Acampa, buscan contribuír a que os goberno europeos tomen medidas serias para evitar os desprazamentos forzados das persoas “en lugar de empregar os nosos impostos para comprar estados errados e gobernos corruptos”, denunciou Abad.

Para Rubén Sánchez outro dos responsables de Acampa “é difícil concibir un desastre maior” e denunciou a política migratoria europea.

“Lonxe de buscar solucións complica máis os problemas, criminaliza a quen salva vidas e paga a terceiros países para frear o paso das persoas que buscan unha vida mellor someténdoas a situacións de escravitude, trata e prostitución”, apuntou Sánchez.

Rubén Sánchez cre que chegou o momento de que a cidadanía ten que “tomar cartas no asunto” por iso desde Acampa impulsarán esa resposta cidadá “multiplicando a nosa acción de sensibilización e denuncia”.

Acampa poñerá en marcha unha campaña para denunciar “esta política criminal” e dentro desta campaña é onde se enmarca a posibilidade de propoñer unha iniciativa lexislativa popular para que se recoñeza o dereito de asilo por cambio climático; esta posibilidade será debatida o próximo 16 de xuño.

Esta segunda edición de Acampa contará con diferentes exposicións que do 14 ao 16 de xuño poderanse visitar no Kiosko Alfonso, na sala de exposicións Salvador de Madariaga e nos Cantóns.

Tamén se realizarán coloquios e encontros que, entre outras cuestións, debaterán como lexislar o dereito ao refuxio polo cambio climático; haberá tamén visitas guiadas polo campo de refuxiados que se escenificará nos xardíns de Méndez Núñez. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies