EFEverde en Galego

Medio millón de euros para rexenerar costa galega fronte ao cambio climático

  • Plan de impulso ao medio natural para a adaptación ao cambio climático.

Medio millón de euros para rexenerar costa galega fronte ao cambio climático Pontedeume (A Coruña). EFE/Cabalar

EFEverde.- O litoral galego acapara as maiores partidas en protección e rexeneración costeira, con máis de medio millón de euros, na estratexia de adaptación ao cambio climático dotada con preto de 10 millóns de euros, presentada pola ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Natural, Isabel García Tejerina.

A estratexia, centrada en protexer a costa do quentamento e restaurar os estragos xa causados, contén 40 proxectos dotados de 9,5 millóns.

Entre eles figuran partidas de 240.000 euros para a costa da Coruña, de 200.000 para a de Pontevedra e de 75.000 para a de Lugo.

O denominado PIMA Adapta, un plan de impulso ao medio natural para a adaptación ao cambio climático, é o primeiro paquete de medidas que España dedica a paliar danos en diferentes partes do país e a prepararse ante os que previsiblemente están por vir.

“España é un país moi vulnerable ao cambio climático pola súa condición de península”, subliñou García Tejerina, quen asegurou que esta estratexia nace “con vocación de continuidade” e co obxectivo de “minimizar impactos” para que “nada poña en risco o crecemento verde” do país.

O plan conta con 12,1 millóns de euros para 46 accións que empezarán a desenvolverse en abril e que, segundo a ministra, foron seleccionadas tendo en conta “as zonas onde hai estudos que din que hai que actuar” prioritariamente.

A maioría dos proxectos están repartidos entre as comunidades de Cantabria, Asturias, Galicia, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla.

Proxectos costeiros

As obras inclúen traballos de rexeneración de praias danadas polos temporais, restauración de dunas, marismas e zonas húmidas, estabilización das partes baixas dos esteiros e protección para reducir a erosión.

Parte dos proxectos costeiros irán destinados a mellorar a investigación e o coñecemento en adaptación ao cambio climático e a accións de concienciación.

Garcia Tejerina dixo que o Goberno ten xa en fase de avaliación ambiental a estratexia de adaptación da costa, que prevía a reforma da Lei de costas aprobada en 2013. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com