EFEverde en Galego

A costa española perde capacidade de defensa perante a mudanza climática

A costa española está a perder capacidade de defensa ante os impactos dunha alteración climática que está elevando o nivel do mar entre 1,5 e 3 milímetros anuais en boa parte do litoral peninsular, afirma nunha entrevista coa Efe o catedrático Íñigo Losada.

Losada participou como autor líder no último informe do Panel Intergobernamental para a Mudanza Climática da Nacións Unidas (IPCC), coordinando o capítulo sobre impactos e adaptación á alteración climática en zonas costeiras.

Con motivo do Día Mundial do Ambiente, que se celebrará mañá baixo o lema “Alza a túa voz, non o nivel do mar”, Losada asegura á Efe que está na nosa man atenuar os efectos mediante as medidas de adaptación.

As de mitigación (redución de emisións de gases contaminantes, a raíz do problema) lévanse discutindo nas negociacións internacionais desde hai anos, mais os intereses tan opostos dos países complican alcanzar un acordo global vinculante.

O catedrático, que é tamén director de Investigación do Instituto de Hidráulica Ambiental de Cantabria, colabora actualmente co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Ambiente na redacción da Estratexia de Adaptación á Mudanza Climática na costa.

O Plan Nacional de Adaptación á Mudanza Climática (PNACC) é hoxe a principal ferramenta do Estado neste ámbito, en paralelo aos plans autonómicos.

Porén, subliña Losada, a costa española está xestionada de modo moi diferente á do resto de países, porque hai un dominio público terrestre competencia da Administración xeral e, por súa vez, as CC.AA posúen moitos poderes no territorio costeiro.

“Evidentemente a alteración climática non afectará só ao dominio público terrestre. Por tanto, deben traballar todos xuntos, incluídos concellos, nun plan flexible, pois aínda hai incertezas”.

Entre as posibles medidas de adaptación, o especialista non só cita o levantamento de estruturas de defensa, senón tamén sistemas de alerta, políticas fiscais, planificación territorial, etc.

Parafraseando o último informe do IPCC -a maior rede científica mundial dedicada ao estudo da alteración climática- o futuro máis inmediato está na adaptación.

Os impactos asociados directamente ao fenómeno global son: o ascenso do nivel do mar, o quecemento das augas e a acidificación do océano.

Dentro destes descríbense “efectos automáticos”. Por exemplo, en relación ao ascenso do nivel do mar xa se observan en moitas costas inundacións permanentes e máis eventos de inundación por fenómenos extremos.

No referente ao aumento de temperaturas das augas vese “claramente” a migración de moitas especies mariñas dun hemisferio a outro e, por último, a acidificación -que a España afecta menos- está a repercutir nas especies de orixe calcaria (arrecifes de coral que branquean).

Iso ten unha grave repercusión sobre a costa porque moitos arrecifes, pradarías de posidonia e mangleirais “provén de servizos de protección, pois axudan a fixar o sedimento e reducen o efecto das ondas e das mareas meteorolóxicas como os furacáns”.

En definitiva, está a se reducir a resiliencia (capacidade de defensa) fronte a eventos de inundación e de erosión, destaca o catedrático de Enxeñaría Hidráulica da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade de Cantabria.

En España, a fachada atlántica, cantábrica e as augas canarias compórtanse igual que a nivel global: entre un e medio e tres milímetros de subida ao ano. No Mediterráneo, a variabilidade climática condiciona enormemente os ascensos que están a ser medidos, de modo que na última década rexistrou un aumento importante, mais en períodos anteriores houbo mesmo “depresións”.

Ademais do nivel do mar, engade o director de Investigación do IH Cantabria, observouse en España que as ondas extremas o son mais cada vez, sobre todo nas fachadas cantábricas e atlánticas, e que hai un efecto de perda de resiliencia na costa.

A praia é un dos principais mecanismos de defensa do litoral, porque induce á rotura da ondada, mais “se ficamos sen praia, perdemos defensa, se ficamos sen dunas perdemos defensa, se ficamos sen zonas húmidas perdemos defensas…”.

A consecuencia é que os últimos temporais, “non sendo os máis graves, causaron máis danos”. EFEverde




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies