EFEverde en Galego

A Coruña prepara este sábado unha xornada única para coñecer unha infinidade de aves

  • Sexta edición do curioso Maratón Ornitolóxico.

A Coruña prepara este sábado unha xornada única para coñecer unha infinidade de aves Participantes nun maratón. EFE/Alberto Estévez

EFEverde.-  A Coruña acollerá no vindeiro 31 de xaneiro a sexta edición do curioso Maratón Ornitolóxico, unha actividade para pequenos e maiores na que gozar da natureza e poder chegar a coñecer até 70 especies diferentes de aves, ademais de familiarizarse co uso de prismáticos e telescopios.

O Grupo Naturalista Hábitat organiza o VI Maratón Ornitolóxico Coruñaves 2015 coa colaboración de Foto Artús, que presta estes instrumentos de observación, e o Concello da Coruña a través da Concellaría de Ambiente.

O vogal da xunta directiva da ONG que ultima os preparatorios, Andrés Rodríguez Pereira, explica, nunhas declaracións á EFE, todos os detalles sobre esta iniciativa de inscrición gratuíta a través do teléfono ou o correo electrónico da asociación.

“Realizamos de maneira habitual actividades de divulgación e conservación ambiental. Neste caso facémolo con algúns membros que son ornitólogos especialistas e tamén con afeccionados. Todo para valorizar a presenza de aves na cidade da Coruña”, apunta.

Maratón dirixido a todo o público

Con este maratón dirixido a todo o público e que non require de condicións físicas especiais conseguirase que “a cidadanía se informe de que non só hai gaivotas, pombas e pardais” a través do “contacto coa natureza”, engade.

Dentro dunha “competición sa” establecerán equipos de tres ou catro persoas cun especialista ornitólogo como cabeza de cada grupo para visitar puntos estratéxicos da cidade como a zona da torre de Hércules, os xardíns de Méndez Núñez, o parque de Santa Margarita ou o monte de San Pedro.

Todos se reunirán no día 31 de xaneiro ás 9.00 horas no local da asociación, situado no barrio coruñés de Monte Alto, onde se repartirán os grupos e as listaxes de especies xusto antes de que arranque a competición.

A seguir, percorrerán a cidade sempre coa mente posta en que “a actividade teña desenvolvemento sustentable”, e por iso desprazaranse “a pé e en bicicleta”, xa que “está penalizado o desprazamento en coche”, indica Rodríguez Pereira.

“Haberá que ir procurando aves e identificalas. Pódese facer coa vista ou co oído a través do canto. Ás 13.30 horas reunirémonos todos no local e poremos en común todas as especies para facer a clasificación”, continúa.

Ademais, hai premios, mais o importante é estar en contacto coa natureza, e tamén os participantes poden “aprender a utilizar equipos ópticos como prismáticos e telescopios”.

Andrés Rodríguez asegura que calquera pode facer un bo papel no maratón e, de feito, a experiencia dille que mesmo os grupos menos expertos con nenos identifican até corenta especies de aves de maneira sinxela, mentres que os máis vezados se achegan ás setenta.

Cun pouco de sorte os participantes poderán contemplar a beleza de aves que agora mesmo están de camiño, como os mascatos, unha das especies máis grandes que se pode ver en Galicia, cunha envergadura que pode alcanzar os dous metros.

Os corvos mariños ou as picas costeiras (parecidas aos pardais) poden completar unha curiosa colección para os que se animen a inscribirse nesta interesante iniciativa.

A asistencia media aproxímase ás dúas decenas de persoas e ningunha se arrepinte, polo que desde o Grupo Naturalista Hábitat esperan aumentar paulatinamente esa cifra. EFEverde




Secciones:        

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies