EFEverde.- A Asociación Galega de Apicultura AGA inicia a campaña “Stop Vespa Velutina” que se desenvolverá ao longo da primavera.
O programa “Stop Vespa Velutina” incluirá actividades como charlas informativas sobre os insectos ou a colocación de trampas para atrapar as raíñas das colmeas.
Para a organización desta campaña contouse coa colaboración de concellos, entidades e a Consellería do Medio Rural e do Mar.
A praga de avespas asiáticas chegadas á Comunidade galega no pasado ano 2014 afectou principalmente a zona da costa de Lugo e o sur de Pontevedra.
O comportamento deste insecto consiste en ataques moi agresivos a outros da súa mesma especie, así como no estrago dunha gran variedade de froita.
En caso de non tomar medidas ao respecto, esta invasión podería provocar a diminución da biodiversidade na Comunidade, ademais de danos económicos en sectores como o apícola e froiteiro, sen esquecer o factor saúde, con risco de picaduras e inseguridade cidadá.
Obxectivo desta campaña
O obxectivo desta campaña recae en informar e sensibilizar o cidadán sobre o risco ambiental que supón a presenza desta praga, achegando solucións para combater os seus efectos e posibles danos.
Tentarán concienciar de que a avéspora asiática se enfrontará desde a calma e o coñecemento, sen caer no temor, con métodos adecuados que se ensinarán aos asistentes nas diferentes actividades da campaña.
Actualmente, xa se están investigando novas ferramentas como o uso de feromonas para atraer e capturar as raíñas da colmea.
Entre tanto, os habitantes deberán colaborar na tentativa de reducir o número de niños, trampeando as raíñas e eliminando os xa existentes.
Comportamento da avespa
As charlas informativas consistirán en explicar a vida e comportamento da avespa, as súas ameazas e os colectivos afectados pola súa chegada á zona. Alén diso, será tratado con maior insistencia o tema sobre a proliferación e o comportamento que debe adoptar o cidadán fronte á súa presenza.
Para as trampas co fin de atrapar as raíñas, así como a redución do número de niños, explicarase con detalle como actuar en cada caso e a elaboración e colocación das trampas xa sexan caseiras ou comerciais.
Levarase a cabo ademais o Día da Abella como actividade da campaña, na Coruña e no Concello de Culleredo. No día 21 de marzo a cita será xardín botánico de Culleredo, con accións como concursos.
Esta actividade estenderase tamén ao ámbito educativo, co fin de abarcar un maior campo de prevención. EFEverde