EFEverde.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, animou hoxe a aproveitar a capacidade de Galicia para producir biomasa forestal e “a calidade” dos seus produtos para alcanzar o liderado europeo neste sector, informou a Xunta nun comunicado.
Durante unha visita ás instalacións da empresa fabricante de caldeiras Ecoforest, en Gondomar, Conde recalcou que a Xunta está impulsando a demanda de equipos de biomasa cunha liña de apoios que permitiu en 2014 a implantación de máis de 600 novas caldeiras, 161 na provincia de Pontevedra.
Unha iniciativa que procura facilitar o desenvolvemento da Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal, que atende a toda a cadea de valor: desde a transformación, produción e distribución do biocombustible até a construción, montaxe e instalación de caldeiras.
Outra parte do éxito do plan residirá na “capacidade” do tecido empresarial galego, con empresas como Ecoforest que, recalcou Conde, “reflicten o potencial” da Comunidade para desenvolver unha industria que conta cun amplo mercado internacional.
Ecoforest, con presenza en 35 países e con 25 anos de experiencia, dispón de varias patentes e conta cun centro de investigación que lle permite desenvolver a súa propia tecnoloxía e validar os produtos en condicións reais.
Dispón ademais do seu propio control electrónico de combustión co que fabrica equipos máis eficientes. EFEverde