EFEverde en Galego

Arco Iris recorre ao Supremo a “gran catástrofe ecolóxica deste século”

  • Sentenza do Prestige

Arco Iris recorre ao Supremo a

A asociación ecoloxista Arco Iris presentou no Tribunal Supremo o recurso de casación á sentenza do Prestige ao argumentar que a lesión xurídica que produciron aqueles feitos é de "máxima gravidade" entre os delitos contra o medio natural e supón "a gran catástrofe ecolóxica deste século".

Así o argumenta Arco Iris no recurso que presentou ao Supremo, a que tivo acceso a Efe, e no que sostén que baixo o punto de vista de todo o movemento ecoloxista verter residuos nucleares á fosa atlántica, produtos químicos e material inorgánico aos mares, é un “delito de lesa humanidade”.

Por iso, recorreu a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña do día 13 de novembro de 2013 ao abeiro e de acordo cos artigos 5.4 da Lei orgánica do poder xudicial en relación co dereito constitucional á tutela xudicial efectiva; e 849, 851, 852 da Lei de axuizamento criminal por erro na apreciación da proba e quebrantamento de forma.

Outras dezasete partes recorreron a sentenza na Audiencia da Coruña antes de formalizar o trámite no Supremo, que por agora realizou ademais a Xunta de Galicia.

O tribunal do Prestige emitiu no pasado novembro a sentenza despois de dez anos de instrución e nove meses de xuízo oral.

Absolveu o ex director xeral da Mariña Mercante José Luis López Sors, o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos, e o capitán do barco, Apostolos Mangouras, dos delitos contra o medio natural, e condenou este último a nove meses de prisión por desobediencia.

A sentenza exime, ademais, o Estado de sufragar os gastos polos danos orixinados e supón que os españois, especialmente os galegos, non se poidan resarcir duns danos morais que a Fiscalía valora en 1.212 millóns de euros, do total de perdas provocadas polo afundimento do petroleiro, que se cifraron en 4.328 millóns.

ArcoItris, que se presentou na causa mediante querela no Xulgado de Instrución de Corcubión no día 22 de novembro de 2002 en calidade de acusación particular, pretende que o Tribunal Supremo “se pronuncie dunha maneira clara e concisa sobre determinados comportamentos consumados de maneira dolosa mediante imprudencia grave, relativos a condutas tipificadas como ataques graves ao ambiente e aos recursos naturais”.

63.000 toneladas de fuel vertidas

A marea negra causada polo afundimento do petroleiro -63.000 toneladas de fuel vertidas- afectou 2.980 quilómetros de costa, 1.137 praias, 450.000 metros cadrados de rochas impregnáronse de chapapote, 526 toneladas de fuel foron depositados nos fondos da plataforma continental, e houbo unha mortalidade estimada de 115.000 a 230.000 aves mariñas, entre outras afeccións.

A asociación refírese no exordio á relación entre a fretadora do “Prestige”, Crown Resources, e a aseguradora London P&I Club, “o gran tapado do presente caso debido aos seus múltiples intereses financeiros, empresariais, políticos e económicos”, e denuncia que as condicións laborais por parte da armadora en relación coa súa tripulación filipina é de “neoescravismo”.

Considera tamén que “o Estado español de maneira temeraria e sen saber ninguén as verdadeiras razóns, decide preitear contra a referida ABS -multinacional clasificadora dos EUA- en tribunais estadounidenses”.

E sostén que se descoñece “algo tan fundamental como é o destino do navío petroleiro despois do sinistro do día 13-11-2002”.

“Como puido aguantar un navío que era unha chatarra seis días, percorrendo 240 millas no medio de fortes temporais antes de partir e afundir?”, pregúntase no recurso.

Segundo Arco Iris, “o destino final do Prestige non era Singapur nin Xibraltar; sendo isto unha responsabilidade directa da fretadora Crown Resources”, e ante unha avaría como a do Prestige, cargado con case 70.000 toneladas de fuel altamente contaminante, lembra, a Audiencia Provincial afirma que se deberían estudar “con seriedade e sosego” outras alternativas ao afastamento do navío, tales como por exemplo a posibilidade do transvasamento.

A vertedura do fuel

Para esta asociación ecoloxista, o delito ambiental derivado da vertedura directamente do fuel do navío “Prestige” foi cometido por “imprudencia grave” e cita o caso da rotura da presa da mina de Aznalcóllar en 1998, que “non é só un símbolo dunha impunidade, mais tamén da intelixencia e picaresca da empresa implicada”.

“No caso que nos ocupa -continúa-, é a vertedura de fuel ao océano Atlántico, onde tamén houbo perigo para a saúde das persoas e trouxo consecuencias graves para os voluntarios e habitantes da costa de Galicia”.

Por iso, entende que hai unha relación de causalidade directa entre o delito de desobediencia polo que foi condenado o capitán do “Prestige” e o delito ambiental en relación cos danos ocasionados ao medio natural e ao ecosistema mariño.

Sobre o ex director xeral da Mariña Mercante aclara que “non cometeu un delito por omisión”, senón por acción “desde o momento en que a Administración central do Estado asumiu o mando e o control do petroleiro avariado, a partir do día 15 de novembro do 2002”, polo que “desde o momento que é substituído do mando do ‘Prestige’, a responsabilidade de verter fuel ao océano é da Administración do Estado”.

Vía civil

Especialistas sosteñen que unha vez dilucidada a responsabilidade penal e paralelamente aos recursos que se poidan presentar á sentenza, o proceso pode continuar e dirimir eventuais responsabilidades civís que poidan formular os afectados.

Neste caso, poderían acceder á vía civil os afectados que non cobrasen os anticipos do Estado en concepto de indemnización polos danos do Prestige e solicitar as indemnizacións a cargo do Fondo Internacional de Indemnización de Danos (FIDAC).

O FIDAC pagou en indemnizacións 120 dos 151 millóns que había que aboar aos afectados pola marea negra, unha cantidade que era a máxima establecida en 2002 por contaminación de hidrocarburos, mais a catástrofe do Prestige fixo revisar esta normativa e na actualidade esa cifra aproximaríase aos mil millóns. EFEverde




Secciones:            
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies