O deputado da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez instou a Xunta e o Concello de Pontevedra a que redacten “conxuntamente” un mecanismo de ordenación urbanística que protexa os terreos que actualmente ocupa Ence e o seu traslado efectivo na data comprometida de 2018.
O parlamentario resalta nun comunicado que, tras a desestimación polo Tribunal Superior dos recursos de Ence e Elnosa contra o Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio, “é urxente que as administracións traballen para o cumprimento efectivo do traslado da compañía fóra da ría de Pontevedra”.
Na súa opinión, a redacción deste instrumento é un “mandato legal” e unha “obriga imperativa” para as administracións e considera que “é hora de pasar das palabras aos feitos”, polo que rexistrou unha iniciativa neste sentido.
Tamén demanda “a execución inmediata” doutra sentenza, de xullo deste ano, que confirma a previa da Audiencia Nacional de maio de 2011, que condena o Estado á incoación de caducidade da concesión de Ence e á adopción de medidas legais para a paralización das actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións.
O deputado conclúe que, “en cumprimento da sentenza, o Goberno do Estado e o Concello de Pontevedra poden e deben ordenar a paralización das instalacións de Ence non amparadas por título habilitante”. EFEverde