EFEverde en Galego

Acampa 2018 aborda o dereito a refuxio polo cambio climático

Acampa 2018 aborda o dereito a refuxio polo cambio climático Exposición Migrantes Ambientais. © Alessandro Grassani/Acampa

A inauguración de Acampa 2018, ás 11 da mañá, será o punto de partida dunha xornada que permitirá entrar a fondo no leitmotiv da presente edición: o dereito a refuxio por cambio climático.

Inauguración 

Acampa 2018 abrirá as súas portas mañá xoves ás 10.30 horas. A actuación musical de Cora Sayers servirá de marco á inauguración formal, a cargo da actriz Cristina Igresias.

Seguidamente, ás 12, as autoridades convidadas e o público asistente terán a oportunidade de percorrer o campo de refuxiados simulado que a organización instalou nos Xardíns.

Marga González, de Amnistía Internacional Galicia, será a encargada de orientar esa visita guiada para que os participantes coñezan a realidade do día a día de millóns de refuxiados.

O fotógrafo documental  Alessandro Grassani compartirá a súa visión dos efectos do cambio climático en nalgúns dos países que radiografiou co seu obxectivo: Mongolia, Bangladesh, Quenia ou  Haití.

Ás 12.30 horas realizará unha visita guiada pola súa exposición “Migrantes ambientais: a última ilusión” (Kiosco Alfonso), e xa pola tarde, ás seis, volverá a facela esta vez acompañado do coordinador de Acampa, Xosé Abad, quen ofrecerá unha charla na que debuxará a súa visión dos gravísimos efectos do cambio climático neses países.

Informes de Nacións Unidas sinalan que, en trinta anos, entre 250 e 1000 millóns de persoas migrarán por causas ambientais. Esa é a emerxencia humanitaria real do planeta nas próximas décadas. A pesar diso, lembra Acampa, ningún Estado ten a día de hoxe recoñecido o dereito a refuxio por cambio climático.

Debates 

Pola tarde, Andrés Zaragoza, de Amnistía Internacional, e Patricia Trigales, de MSF, achegarán a realidade que se está vivindo en Myanmar nunha charla que estará presentada por Cristina Ramallo, de AI, e conducida pola xornalista de La Opinión de A Coruña, Gemma Malvido.

Ademais, Montse Prado, deputada do BNG no Parlamento galego; Ricardo García Mira, deputado socialista no Congreso, e Antón Gómez Reino, de En Marea e deputado de Unidos Podemos nesa mesma Cámara participarán no debate que será conducido polo xornalista da cadena SER Nico Castellano e mais a sindicalista Mabel Pérez Simal.

Nesta primeira xornada de Acampa, a sala de proxeccións acollerá, ás 17.30 horas, un pase do documental “Siento haberme ahogado”, dirixido por Hussein Nakhal e David Habchy para Médicos Sin Fronteras.

O programa do día rematará como se iniciou, con música, xa que ás 21.30 horas e tamén ás 22.30 horas, están previstos os concertos de Quenvessendo e Exit, na carpa central. EFEverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com