Case trinta patrullas militares participan na loita contra incendios forestais

EFEverde en Galego

Case trinta patrullas militares participan na loita contra incendios forestais

Case trinta patrullas militares participan na loita contra incendios forestais Imaxe de arquivo. EFE/Eliseo Trigo

Un total de 27 patrullas do exército participan desde o pasado domingo na Operación "Sentinela Galego", coa que colaboran co dispositivo despregado en Galicia para previr os incendios forestais e loitar contra o lume.

Estas unidades están formadas por militares de diferentes unidades da Brilat de Pontevedra e do Terzo Norte de Infantería de Mariña da Armada en Ferrol e, ademais, contan co reforzo dun sistema aéreo piloto por control remoto, que terá como misión a vixilancia e a disuasión cara a posibles incendiarios.

O exército tamén terá dous helicópteros para ser empregados cando a Xunta de Galicia o requira, no caso de que suba o nivel de alerta por incendios, que levaría ao aumento ata un máximo de 75 das patrullas a disposición deste operativo.

Para nós é unha oportunidade única de participar nunha misión de apoio directo á poboación”, explicou o xeneral xefe da Brilat, Antonio Romeu, na presentación desta operación, na que estivo acompañado do vicepresidente galego, Alfonso Rueda; e da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Romeu indicou que os soldados participan “moi motivados” nesta misión porque “ven de forma moi directa a utilidade do traballo que se fai” e supón, engadiu, “aumentar as nosas raíces con Galicia”, terra da que proceden a maioría dos integrantes desta brigada militar.

“Senten o terreo como seu, senten os incendios que lles afectan igual que a calquera cidadán galego e tentamos, na medida en que podemos, achegar o noso granito de area para que Galicia non sufra esa secuela”, asegurou Romeu Losada.

Funcións de vixilancia e alerta

O xeneral xefe da Brilat indicou que a tarefa destes militares será vixiar os montes, facilitar información temperá aos servizos de extinción e notificar ás forzas de seguridade calquera sospeita de actividade incendiaria.

As patrullas serán repartidas por 32 municipios galegos, pertencentes a sete distritos forestais das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, ata o 15 de setembro.

O vicepresidente da Xunta, pola súa banda, destacou que o operativo coordinado polo Goberno galego para loitar contra os incendios está composto por máis de 7.000 persoas e nel, dixo, o obxectivo “fundamental” é evitar que os incendios se produzan.

Se se producen, por suposto que hai que apagalos, pero o obxectivo principal é tentar que eses incendios non teñan lugar”, sinalou Rueda, que ve ” importantísima” o labor das patrullas militares para vixiar os montes e “disuadir” a quen lles prende lume.

Por iso estas unidades militares estarán en lugares “estratéxicos” e especialmente “sensibles”, detallou o vicepresidente galego, onde se debe “intensificar” a vixilancia para lograr, entre todos, reducir o número de incendios que se producen ao ano en Galicia. EFEverde




Secciones:            
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com