Efeverde en Galego

O outono galego, unha estación “cálida” con valores medios de 12 graos

  • O documento explica que no outono destacaron os episodios de situacións anticiclónicas

O outono galego, unha estación Fotografía de arquivo dun vencejo fronte á praia do Orzán na Coruña. EFE/Cabalar

Efeverde.- O informe climatolóxico de Meteogalicia referente ao outono -de setembro a novembro- cualifica esta estación como "cálida", despois de que se alcanzase unha temperatura media de ao redor de 12ºC, 0,42ºC máis que os valores medios habituais desta época do ano.

Trátase dun valor moi próximo á anomalía detectada no outono de 2015, que foi lixeiramente máis cálido. A causa principal desta variación foron as temperaturas máximas, xa que as mínimas resultaron normais, informa Meteogalicia nun comunicado.

Outono en Galicia

O documento explica que no outono destacaron os episodios de situacións anticiclónicas, con temperaturas máximas altas no mes de setembro, que mesmo superaron os 40ºC en moitas localidades, unha tendencia que continuou en certa medida no mes de outubro.

Novembro, aínda que lixeiramente frío, non foi suficiente para compensar os outros dous meses cálidos, e foi tamén en novembro cando empezaron as primeiras nevadas do outono, computándose ata 10 días nos que nevou nalgunha localidade galega.

A anomalía á alza das temperaturas rexistrouse en toda Galicia, coa excepción dalgunhas zonas das comarcas da Coruña, Bergantiños e Terra de Soneira, que estiveron por baixo dos valores normais para a estación, como xa sucedeu no verán. As zonas con variacións positivas máis altas -por encima dos 2ºC sobre a temperatura media- foron as comarcas de Vigo e Baixo Miño.

Precisamente, a comarca de Vigo e algúns puntos limítrofes presentaron tamén as temperaturas máis altas do outono, con valores próximos aos 17ºC, fronte aos 12ºC de media na comunidade autónoma. No outro extremo, cos termómetros máis baixos (ao redor dos 7ºC de media) situáronse as zonas de alta montaña ourensá como Cabeza de Manzaneda e Pena Trevinca.

Choivas

En canto ás precipitacións, o informe de Meteogalicia considera o outono de 2016 como “moi seco”, cunha choiva rexistrada ata un 33% inferior aos valores normais, a porcentaxe máis baixa desde 2007.

O documento detecta moi poucas zonas con precipitacións por encima das normais. As variacións máis altas déronse principalmente no nordeste, con valores un 40% máis altos que os medios. Pola contra, os lugares máis secos localizáronse en zonas do sur da Coruña e do sueste, nas que choveu un 60% menos do habitual.

Neste caso, foi o mes de outubro o que presentou valores de precipitación inferiores aos habituais, xa que setembro e novembro foron considerados normais. De feito, aínda que en setembro só se rexistraron dous episodios, a precipitación foi tan abundante que resultou suficiente para considerar o mes completo normal en canto a precipitacións.

O valor medio de precipitación para o conxunto de Galicia foi de 280 L/m2. Os valores máis altos rexistráronse na provincia de Pontevedra e suroeste da Coruña, con cifras que chegaron aos 526 L/m2 en Fornelos de Montes. Os rexistros máis baixos foron no sueste da Comunidade galega, onde puntualmente alcanzáronse valores por baixo dos 100 L/m2. Efeverde




Secciones:        
Redacción EFEverde
Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE www.efeverde.com y www.efefuturo.com

Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies