incendio

Superficie calcinada tras o incendio forestal de Entrimo (Ourense). EFE/Brais Lorenzo

Efeverde en Galego

Medio Rural finaliza "este mes" os labores de recuperación de zonas afectadas

Publicado por: Redacción EFEverde 12 de diciembre, 2016 Ourense

Efeverde.- A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que "este mes" rematarán os traballos de recuperación nas zonas afectadas polos grandes incendios rexistrados este verán, entre eles, o concello ourensán de Entrimo xunto con outros once concellos galegos.

É o que indicou a titular de Medio Rural durante unha visita realizada esta mañá ao concello ourensán de Entrimo para supervisar os traballos de recuperación nesta zona, limítrofe con Lobios, dúas das zonas afectadas polo incendio forestal ocorrido o pasado mes de setembro, e en que o que se viron afectadas un total de 2.800 hectáreas.

Acompañada polo director xeral de produción forestal, Tomás Fernández-Couto, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, Vázquez detallou que os traballos realizados consisten en medidas para recuperar a vexetación da zona así como o arranxo de infraestruturas agrícolas, danadas no incendio.

Zonas afectadas

En total, a Xunta destinou unha partida de 6 millóns de euros para a realización das devanditas obras entre as que se inclúe "a consolidación de chans e control de riscos hidrolóxicos erosivos e tamén se está procedendo a sementar a zona e á eliminación de madeira queimada para mellorar a posterior rexeneración de arboleda ou aproveitamento da madeira recuperable", detallou.

A conselleira tamén destacou a intervención en recuperación das infraestruturas forestais, recuperación de cunetas e obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas, así como para recuperar peches gandeiros.

En total, a Xunta está a actuar para recuperar os terreos en 12 concellos onde se rexistraron grandes incendios forestais. Na provincia da Coruña, os traballos céntranse en Porto do Son; na provincia de Ourense, en Avión, Boborás, Entrimo-Lobios, Melón, Monterrei e Muíños; e na provincia de Pontevedra, en Arbo-As Neves, Caldas de Reis, Catoira, Cotobade e Redondela-Soutomaior.

No caso de Entrimo, Medio Rural está a utilizar a técnica coñecida como "mulching", que consiste en distribuír palla e outros materiais de orixe vexetal para rexenerar chans e evitar arrastres polas choivas e realizáronse melloras en pistas, coa limpeza de cunetas. Efeverde

Secciones : Actualidad
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.

Descubre más desde EFEverde

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo