Fotografía de arquivo do parque eólico de Paxareiras. EFE/ Lavandeira

EFEverde en Galego

Especialista demanda máis apoio da Xunta para potenciar as enerxías renovables

Publicado por: Redacción EFEverde 25 de marzo, 2015 A Coruña

EFEverde.- O doutor en Enxeñaría Industrial e catedrático na Universidade de Vigo Manuel Pérez Donsión asegurou hoxe que as enerxías renovables teñen "moito potencial" en Galicia, aínda que considerou que "se require un apoio máis forte por parte de organismos como a Xunta" para impulsalas.

Pérez Donsión presidiu hoxe a inauguración da XIII International Conference on Renewable Energies and Power Quality, organizada pola European Association for the Development of Renewable Energy, Environment and Power Quality, en colaboración coas universidades de Vigo e A Coruña.

O Palacio de Exposicións e Congresos da capital herculina acolleu o acto, en que este especialista asegurou á Efe que as enerxías renovables deben ser apoiadas doutra maneira ao afirmar que "son preferibles menos subvencións e un distinto criterio á hora de fixar impostos".

Na súa opinión, toda a comunidade é competente e ten potencial para explotar e producir enerxía limpa tendo en conta que "o efecto invernadoiro, o cambio climático, xa se nota", polo que avoga por non consumir a enerxía que non se necesita xa que se precisa de "aforro e eficiencia".

Unir ideas

Interviñeron tamén nesta conferencia Ana Álvarez García, profesora da Universidade da Coruña; Ricardo Cao Abad, vicerreitor da Universidade da Coruña e Enrique Salvador, concelleiro de Ambiente e Sanidade no Concello da Coruña.

Todos eles remarcaron a importancia da realización destas xornadas para unir ideas e compartir coñecementos sobre o desenvolvemento enerxético sustentable e enerxías renovables, a través do investimento en alternativas viables.

Neste sentido, Salvador trasladou o compromiso do Concello como "firme defensor" do desenvolvemento de enerxías renovables, recurso que considerou "clave" para a economía.

Para o edil de Ambiente, eventos como o celebrado hoxe son o punto de partida para "esbozar un proxecto de futuro desde o compromiso cos recursos naturais dos que temos que botar man", concluíu. EFEverde

Secciones : Actualidad
Redacción EFEverde

Un equipo de periodistas especializados en periodismo e información ambiental de la Agencia EFE.

Descubre más desde EFEverde

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo